AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



OS PROXECTOS "3" E "ARQUITECTURAS INTERIORES" EXHIBIRANSE MAÑÁ A PARTIR DAS 20.30 HORAS

Víctor Zambrana e Carolina Fernández amosan no Torrente Ballester de Ferrol o resultado das súas residencias artísticas no CCG

[29/09/2009] Os creadores Víctor Zambrana e Carolina Fernández rematan mañá día 30 as súas respectivas residencias artísticas no Centro Coreográfico Galego cunha mostra aberta ao público dos traballos escénicos resultantes: Tres e Arquitecturas interiores, respectivamente. Esta primeira toma de contacto cos espectadores celebrarase a partir das 20.30 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, espazo que durante este mes de setembro acolleu ambos procesos creativos. Tralas presentacións, abrirase un coloquio entre os artistas e os asistentes para afondar nos distintos aspectos das súas propostas.

No caso do proxecto 3, o bailarín Víctor Zambrana centrouse na idea do corpo como vehículo intuitivo de comunicación e, xunto ao pintor Joaquín Jara e ao músico Ilia Mayer, abordou tres xeitos de representalo: o corpo escénico, o pictórico e o sónico. Dende estas tres perspectivas, os artistas ofrecen así mesmo unha reflexión sobre o concepto de representación como idea ou imaxe da realidade.

Carolina Fernández, pola súa banda, contou coas achegas da realizadora audiovisual Gael Herrera, do poeta Alfonso Pexegueiro e do músico Xavier Alberti para desenvolver unha proposta que, a partir de tres videocreacións e dunha instalación presentadas a finais de 2008 no Festival de Arte e Reciclaxe Drap’art de Barcelona, crea un espazo escénico conceptual no que a bailarina constrúe co seu corpo e coa súa voz un discurso íntimo, en confrontación coa realidade exterior. Arquitecturas interiores articúlase en torno a temas como a desestruturación do pensamento da cidade ou a busca dunha nova forma de habitar os espazos e de estar no mundo.

Traxectorias

Víctor Zambrana estudou Belas Artes, licenciándose na rama de deseño gráfico e gravado na Universidade Santa Isabel de Hungría. Compaxinou a súa formación artística con estudos de danza contemporánea na Academia de Danza Siglo XXI, na Escuela de Danza Alicia Márquez, no Estudio de Danza Pasaje Mallol, no Centro Andaluz de Teatro (CAT) e no Centro Andaluz de Danza (CAD).

Como intérprete, traballou en diversos espectáculos e óperas de compañías nacionais e internacionais. É autor de traballos que contaron co apoio de La Caldera, da Junta de Andalucía ou da compañía Malqueridas. Tamén ten participado en festivais como Huellas, Trayectos, Días de Danza, Festival de Valladolid, En Pé de Pedra, Mes da Danza de Sevilla, The Quilt en Nova York, ou na rede europea de programadores de artes na rúa In Situ.

Carolina Fernández estudou danza no Centro Nacional de Danza Contemporánea de Angers (Francia) e teatro na escola Espazo Aberto de Santiago de Compostela. É autora de Nin príncipes nin hostias, obra que presentou na Sala Nasa en xaneiro de 2006. No ano 2007 recibiu unha bolsa de estudos do Consorcio Audiovisual para cursar talleres nun laboratorio de cine experimental de París. Actualmente estuda artes gráficas e visuais para incorporalas ao seu traballo artístico.

Ademais, fundou en Viveiro o Centro de Creacións Artísticas, un proxecto en construción que quere ser un espazo de creación multidisciplinar, e no ano 2007 resultou gañadora do 3º premio do Certame de Xóvenes Creadores Galegos na modalidade de Artes Gráficas.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais