AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PROCESO CREATIVO DE "YO FUI UN HOMBRE LOBO ADOLESCENTE INVENTANDO HORRORES" PRESÉNTASE MAÑÁ NA NAVE DA AGADIC

A mostra da obra de Guillem Mont pecha o programa anual "Artistas en Residencia"

[17/12/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) conclúe mañá o seu programa de residencias artísticas para 2009 coa mostra ao público do traballo do creador catalán Guillem Mont de Palol, Yo fui un hombre lobo adolescente inventando horrores. A nave da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en Santiago de Compostela (rúa Polonia, 30) acollerá ás 20:00 horas a interpretación desta proposta coreográfica sobre temas como a morte ou o medo, así coma o coloquio posterior entre os artistas e os espectadores asistentes.

Coas colaboracións de Óscar Villegas no plano sonoro e Jorge Dutor na escenografía, Mont de Palol realiza unha investigación sobre a narración e os contacontos de terror co obxectivo de buscar diferentes métodos para construír unha performance a partir de escenas enmarcadas neste xénero, xogando ao tempo coas aparencias e a imaxinación.

O traballo preséntase a modo de diálogo-conversación-performance, onde os performers/bailaríns traballan cara a creación dun discurso artístico común para trasladar ao espectador o estado físico, emocional e psicolóxico de sentirse asustado. O creador catalán e os seus colaboradores buscaron distintas estratexias para representar o horror e a morte no espazo, por medio de diferentes linguaxes e estilos performativos. Así, a trama parte dunha situación absurda -dous homes vestidos de esquelete- onde a ficción se converte en realidade a través da imaxinación do receptor.

Esta é a sétima e última das residencias apoiadas este ano polo CCG, que ofrece aos artistas seleccionados a oportunidade de contar cun espazo de traballo, así como co apoio artístico e técnico necesario para levar adiante as súas propostas de creación e investigación escénica. Os proxectos anteriores desenvolvidos na nave da AGADIC foron Assemblage, de Laura Lizcano, e Macho, de David Loira. O Teatro Ensalle de Vigo acolleu Vento, fento e cemento, de Mercé de Rande; e o Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, Arquitectura interiores, de Carlonia Fernández, e 3, de Víctor Zambrana.

Guillem Mont de Palol comezou os seus estudos artísticos en distintos centros de Barcelona. No ano 2002 trasládase a Amsterdam para cursar estudos coreográficos na School for New Dance Development, onde se gradúa en xuño de 2006. Actualmente combina o traballo como coreógrafo independente coa participación en distintas producións como bailarín. Traballa con distintas técnicas corporais coma o Aikido, Yoga, Alexander, release e contact. As técnicas de integración corpo-mente tamén son do seu interese, por iso incorpora o exercicio da meditación e o entrenamento sensorial no seu traballo.


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais