AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



LEVARÁ POR TÍTULO "ETHERIA. A VIAXE SOÑADA" E EVOCARÁ O PERIPLO DA PROTAGONISTA DESDE XERUSALÉN ATÉ COMPOSTELA A TRAVÉS DE DANZA, IMAXE E MÚSICA

Mercedes Suárez dirixirá o próximo espectáculo do Centro Coreográfico Galego

[19/02/2010] A coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez Rodríguez, fundadora da compañía Druída Danza, dirixirá o próximo espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) a petición da dirección da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais). A nova produción, que levará por título Etheria. A viaxe soñada, evocará por medio da danza, a música e a imaxe o periplo da protagonista, unha relixiosa galega no século IV, na súa peregrinación de retorno desde Xerusalén até Compostela.

O proxecto presentado por Mercedes Suárez foi elixido entre varias propostas presentadas para o mesmo fin, que foran solicitadas pola AGADIC a distintos creadores galegos para a levar a cabo a dirección artística da que será a cuarta produción do CCG, despois de Vacuo, de Maruxa Salas; Kiosco das almas perdidas, de Roberto Oliván; e Giseliña, de Cisco Aznar.

Suárez participará ademais activamente na selección de bailaríns e bailarinas que interpretarán esta produción, para o que se abrirá un procedemento de dúas fases: unha primeira de achega de historiais e méritos dos aspirantes; e unha segunda de audición pública unicamente aos preseleccionados da fase anterior. Está previsto que os ensaios con todo o elenco comecen unha vez formalizados os contratos e se desenvolvan durante un mínimo de dous meses, de modo que o espectáculo poida estrearse diante do público a finais de primavera.

Mercedes Suárez Rodríguez (Agualada, Coristanco-A Coruña) é titulada en danza clásica polo Real Conservatorio de Danza de Madrid. Realizou estudos de danza clásica en Madrid, París e Bruxelas con profesores como Víctor Ullate, Carmen Roche, Emilio Altés, Irina Gryvina e Eva Borg. En 1982 funda na Coruña a escola de danza Druída, e máis tarde, a compañía Druída Danza, na que veu desenvolvendo coreografías de achegamento ao sentir popular, afastadas da danza puramente folclórica, coa literatura universal como fonte frecuente de inspiración e coa aposta pola interdisciplinariedade artística como forma de expresión.

Na actualidade segue a compaxinar o traballo de mestra co de coreógrafa. Así, para Druída Danza creou e dirixiu nos últimos anos os espectáculos coreográficos Abcdanza, Opus 80, O almorzo da nécora (2008), Verde transparente (2006), 20 anos non é nada (2005), A redeira (2004), O calar do tempo (2003), Lúa amarga (2002), En espera (2001) e Metamorfosis (2000).

Tamén imparte asiduamente clases de danza como mestra convidada en distintas entidades e deseña coreografías para distintos espectáculos teatrais, óperas, concertos, programas de televisión e eventos.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais