AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



RECIBÍRONSE MÁIS DE 140 SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROCESO DE SELECCIÓN DO CORPO DE BAILE DA PRODUCIÓN "ETHERIA. A VIAXE SOÑADA", QUE DIRIXIRÁ MERCEDES SUÁREZ

As audicións para o novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego congregarán un total de 72 bailaríns e bailarinas de sete países

[26/03/2010] Un total de 72 bailaríns e bailarinas procedentes de diferentes países de Europa e América participarán dende o vindeiro luns 29 de marzo nas audicións que o Centro Coreográfico Galego desenvolverá na sede do Complexo Deportivo de Elviña da Coruña para seleccionar as 12 prazas do corpo de baile do seu próximo espectáculo, Etheria. A viaxe soñada, baixo a dirección da coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez.

Os 72 aspirantes -a meirande parte deles orixinarios de diferentes puntos de España, pero tamén de Alemaña, Italia, Rusia, Arxentina, Cuba e México- foron preseleccionados entre o total de 147 solicitudes que a unidade de danza da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) recibiu trala convocatoria realizada o pasado mes de febreiro.

As probas, que terán lugar o luns día 29 e o martes día 30 en horario de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.00 horas, constarán de tres fases. Na primeira, de carácter eliminatorio, os candidatos participarán de forma conxunta nunha clase de danza clásica académica dunha hora e media de duración. Os que superen esta primeira fase, disporán dun tempo máximo de cinco minutos para executar de xeito individual unha variación clásica ou contemporánea, así como unha improvisación. Terán, asemade, unha entrevista persoal co tribunal encargado da selección, que estará presidido por Mercedes Suárez e do que formarán parte como vogais dúas profesoras do Centro Coreográfico Galego.

Os 12 bailaríns e bailarinas finalmente seleccionados participarán na que será a cuarta produción do CCG, que evocará por medio da danza, a música e a imaxe o periplo da protagonista, unha relixiosa galega no século IV, na súa peregrinación de retorno desde Xerusalén até Compostela. Está previsto que, tras un mínimo de dous meses de ensaios, Etheria. A viaxe soñada poida estrease diante do público a finais desta primavera.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais