AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O RELATORIO, DE ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR O AFORO, TERÁ LUGAR MAÑÁ DÍA 22 ÁS 19.30 H

O CCG organiza no Salón Teatro unha conferencia sobre lectura e danza a cargo de María Dolores Fojón

[21/04/2010] A mestra e coreógrafa María Dolores Fojón impartirá mañá xoves 22 ás 19.30 horas no Salón Teatro de Santiago a conferencia "A lectura e a danza", que organiza o Centro Coreográfico Galego (CCG) como xeito de conxugar as celebracións este mes dos días internacionais do libro (23 de abril) e da danza (29 de abril). De entrada libre ata completar o aforo, o relatorio ofrecerá un percorrido pola historia da danza a través da visión que das artes do movemento e da súa evolución ofreceron pensadores e escritores de todos os tempos.

Á conferencia seguirá un coloquio cos asistentes no que tamén participará a profesora do CCG Pilar Peña. Farase mención, ademais, á colección editorial Corpo de Letra, participada pola AGADIC, dentro da que xa se publicaron os volumes O esgotamento da danza e Arquitecturas da mirada e se está a preparar, así mesmo, o que levará por título Facer historia.

Na súa intervención, Fojón defenderá a necesidade de abordar conxuntamente danza e literatura, a través dun repaso ameno por aqueles autores que, ao longo dos séculos, deixaron a súa reflexión sobre a actividade creativa e, concretamente, a coreográfica: Platón, Aristóteles, Cicerón, Rousseau, Kant, Schiller, Schopenhauer, Nietzsche, Wittgenstein, Leonardo da Vinci, Shakespeare, Descartes, Molière, Stendhal, T. Gautier, Tolstoi... Realizará tamén un breve percorrido pola historia da danza en Grecia, Roma, Idade Media, Renacemento e Idade Moderna, Romanticismo, Academicismo, Danza Moderna Americana e Danza Moderna Europea.

"Literatura bailada"

A chamada "literatura bailada" será outro dos aspectos que a relatora trasladará ao público, desde a traxedia grega ata Lewis Carrol e os autores contemporáneos, pasando por Shakespeare e Cervantes.

María Dolores Fojón Polanco (León, 1960) estuda dende 1967 ballet clásico, clásico español e folclore na súa cidade natal. En 1977 trasládase a Santiago de Compostela onde, baixo a dirección de Linda Morrison (americana formada na Juliard School of New York), continúa co estudo de ballet clásico, moderno e jazz e realiza cursos de flamenco e escola boleira, danza antiga renacentista e barroca, danza afro-haitiana, bailes de salón, contact improvisation, técnicas corporais para a danza, etc. Completa a súa formación no Laban Center de Londres e na Escola Cubana de Ballet. Obtén o rexistro como profesora da Royal Academy of Dance of London, onde amplía os seus estudos até conseguir a categoría de Teacher Diploma.

Desenvolve a súa actividade docente dende 1983 e é socia fundadora da escola Ballet Studio Galicia S.L. Combina o traballo de mestra na súa escola co desenvolvemento de conferencias e cursos de danza antiga, danza contemporánea, educación a través do movemento, etc., tanto dentro como fóra de Galicia. Foi codirectora da compañía Bstudio entre os anos 1994 e 2001.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais