AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A MONTAXE QUE FORA ESTREADA EN GALICIA EN 2009 VIAXARÁ AO REINO HACHEMITA MEDIANTE UN ACORDO ACADADO CO INSTITUTO CERVANTES

"Ovay", coprodución de Quique Peón e o CCG, representarase en tres escenarios de Xordania

[27/04/2010] Ovay, o espectáculo coproducido en 2009 como debut da compañía de danza Quique Peón e realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego, levará a cabo unha serie de representacións a principios de maio en Xordania, en virtude dun acordo acadado co Instituto Cervantes e os seus centros asociados no reino hachemita. Desenvolveranse en total 3 funcións, que terán lugar o día 3 no Free Theatre Festival de Amman, o 5 no Centro Cultural Rey Abdullah II de Zarqa e o 6 de maio tamén en Amman, pero desta volta no Gran Teatro da Universidade da capital xordana.

O público das devanditas cidades poderá disfrutar dunha montaxe creada, dirixida e interpretada por Quique Peón, na que palpitan múltiples referencias e evocacións ao baile popular galego, aínda que amosadas cunha particular estética e cun tratamento formal que se introduce nas formas da danza contemporánea. Así, o proceso de traballo previo realizado por Peón partiu dun repertorio estritamente tradicional -extraído dos seus arquivos e de materiais de investigación etnográfica persoais- para culminar na expresión e na filosofía da danza actual.

Solo de danza

En Ovay, adóptase como título unha voz da antiga xerga dos canteiros para explorar as catro estacións do camiño da vida e os catro puntos cardinais da alma. Isto plásmase mediante melodías e movementos que se distribúen no espectáculo de xeito xeográfico -atendendo ao Leste, o Sur, o Norte e o Oeste de Galicia-, o que conforma o eixo conceptual da proposta.

O propio creador interpreta en solitario esta peza, na que xoga un papel destacado a música da gaita, o acordeón, a zanfona, a requinta e outros instrumentos de percusión executados en directo por Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. As achegas do propio Romero na dirección musical, do coreógrafo Erick Jiménez como asesor en danza contemporánea, de Baltasar Patiño no deseño de iluminación, de Roberto Magro na dramaturxia e de Cloti Vaello no deseño de vestiario completan a relación de colaboracións artísticas reunidas para a montaxe.

Henrique Peón

Este bailarín de danza tradicional galega centrou a súa actividade profesional na investigación e divulgación do folclore de Galicia. Ten unha larga traxectoria e un importante labor como profesor de baile e música tradicional. Formou parte de diversos grupos e na actualidade é o director do grupo de danza tradicional Xacarandaina.

Ten realizado labores de asistente coreográfico con Mercé de Rande no proxecto Zocas e en A Arándara, proposta apoiada polo programa Artistas en Residencia do CCG; e formou parte tamén do reparto da produción do CCG dirixida por Roberto Oliván Kiosco das almas perdidas. Henrique Peón ten participado en numerosos festivais e xiras internacionais visitando: Portugal, España, Francia, Inglaterra, Bélxica, Italia, Hungría, Ucraína, Alemaña, Eslovaquia..., e ten recibido numerosos galardóns polo seu traballo na recuperación e difusión do folclore galego.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais