AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



O PROGRAMA FORMATIVO COMPLETARASE COAS ACCIÓNS PEDAGÓXICAS QUE SE DESENVOLVERÁN EN PARALELO Á PRODUCIÓN E DISTRIBUCIÓN DO ESPECTÁCULO "ETHÉRIA. A VIAXE SOÑADA"

O Centro Coreográfico ofrece ata finais de ano dez cursos para profesionais e estudantes de danza

[04/05/2010] O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura e Turismo inicia o seu programa de formación para este ano cun ciclo de seis master class de danza clásica e contemporánea, que se desenvolve na súa sede da Coruña ata o vindeiro 7 de maio. As actividades formativas, dirixidas tanto aos profesionais da danza como a estudantes, continuarán tralo verán ata completar un total de 10 cursos en 2010, aos que haberá que sumar as accións pedagóxicas que se organizaran en paralelo ao proceso de produción e distribución do próximo espectáculo do CCG: Ethéria. A viaxe soñada, da coreógrafa Mercedes Suárez.

O ciclo de master class, que deu comezo o pasado 26 de abril cunha serie de cinco sesións impartidas polo mestre francés Hervé Ilari, continúa esta semana con tres clases maxistrais de danza clásica a cargo da profesora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo Olga Cristina Ruiz Pérez (3 de maio), do mestre madrileño Raúl Moreno (5 de maio) e do director do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, Luciano Gómez (7 de maio), así como con dúas de danza contemporánea dirixidas polos profesores Bárbara Monteagudo (4 de maio) e Armando Martén (6 de maio).

Os alumnos interesados poden formalizar a súa inscrición ata o mesmo día da celebración da clase, tendo en conta que o número de participantes limítase a oito para cada unha das master class. O prezo da matrícula é de 15 euros por clase.

Taller para profesores

O programa formativo inclúe, así mesmo, unha serie de catro obradoiros sobre distintas áreas da danza que terán lugar entre os meses de setembro e decembro da man dos profesores Ana Abad Carlès, Calixto Albán Laxe, Raúl Moreno e Roberto Beceiro Vilar. O primeiro deles será o Taller para Profesores que impartirá a historiadora e coreógrafa aragonesa Ana Abad do 13 ao 17 de setembro. Este curso, pensado para un máximo de 25 participantes, estruturarase en catro módulos a través dos que se ofrecerá unha aproximación histórica ao repertorio actual e se afondará en cuestións estilísticas, na formación de profesores e nos retos da educación de profesionais da danza, contidos que se complementarán con senllas conferencias nos conservatorios profesionais de danza da Coruña (15 de setembro) e de Lugo (16 de setembro).

Xa en novembro, entre os días 8 e 12 celebrarase o Taller de Danza Tradicional Galega, no que o mestre pontevedrés Calixto Albán analizará este tipo de baile como expresión cultural do país, así como outros aspectos relacionados (a música e os traxes tradicionais, entre eles). A continuación, o bailarín e coreógrafo madrileño Raúl Moreno encargarase do Taller de Partenaire para bailaríns e bailarinas de calquera disciplina, que se desenvolverá entre o 22 e o 26 de novembro centrándose na técnica do Pas de deux cunha orientación neoclásica e nos conceptos básicos do seu uso contemporáneo.

O músico ferrolán Roberto Beceiro, pianista do Centro Coreográfico Galego, impartirá o último dos obradoiros inseridos no programa formativo de 2010: un taller de acompañamento musical dirixido tanto a profesores de danza como a pianistas acompañantes. O curso, que terá lugar do 13 ao 17 de decembro, ofrecerá un achegamento ao repertorio para clases de danza clásica, abordando os diferentes estilos de música posibles.

O prezo da matrícula para cada un destes catro talleres é de 50 euros e o prazo de inscrición abrirase catro semanas antes do comezo do obradoiro correspondente. Todos eles contan, ademais, cun número limitado de prazas que vai dende 20 a 30 alumnos segundo os casos.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais