AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



RECIBIRÁN O APOIO ECONÓMICO E A ASISTENCIA TÉCNICA E ARTÍSTICA DA UNIDADE DE DANZA DA AGADIC PARA DESENVOLVER OS SEUS PROXECTOS UN SHU E UNO, RESPECTIVAMENTE

O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de BStudio e Nabeirarrúa Danza

[09/10/2010] As compañías BStudiodanza e Nabeirarrúa Danza contarán co apoio económico e a asistencia técnica e artística do Centro Coreográfico Galego (CCG) para desenvolver os seus próximos espectáculos, que foron seleccionados entre un total de 22 proxectos presentados á convocatoria de coproducións da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

O CCG destinará un total de 24.200 euros a ambas as coproducións, dos que 15.800 euros corresponden ao proxecto Nu Shu. A escrita secreta das mulleres presentado pola formación compostelá BStudiodanza (BStudio Galicia) e os 8.400 euros restantes a UNO, proposta de Nabeirarrúa Danza, compañía con base en Madrid que integran a galega Anuska Alonso e a vasca Mar López. Ademais da achega económica, os proxectos elixidos recibirán asistencia artística e técnica a través dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización, entre outras cuestións.

A directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, foi a encargada de seleccionar os proxectos, previa valoración dun comité técnico nomeado para este fin. Na súa decisión tivéronse en conta aspectos relacionados coa calidade e interese da proposta artística, coa traxectoria profesional e solvencia da compañía, coa súa posible achega ao desenvolvemento e renovación das artes escénicas en Galicia e coa viabilidade financeira.

Universo feminino
A través da primeira destas pezas, a directora de BStudiodanza, María Dolores Mayán, propón unha indagación sobre a condición de muller, sobre os atributos particulares, o contorno e a longa tradición cultural arredor do universo feminino. Nu Shu. A escrita secreta das mulleres inspírase na novela O abano de seda, na que a autora estadounidense de orixe chinesa Lisa See retrata a vida das mulleres dunha remota provincia de China que para comunicarse libremente entre si crearon a escrita "nu shu", só coñecida por elas.

Cunha consolidada traxectoria no ámbito coreográfico galego, BStudio incide de novo no contido social dos seus proxectos artísticos, a través dos que busca promover a sensibilización sobre o tema da igualdade reivindicando e homenaxeando o papel das mulleres ao longo da historia. A estrea deste novo espectáculo, con dirección de María Dolores Mayán e un elenco de tres bailarinas, está inicialmente prevista para mediados do mes de febreiro.

Pola súa banda, Nabeirarrúa Danza propón a través do proxecto UNO unha investigación sobre os conceptos "corpo" e "tempo" e as súas posibles relacións, tratando o tempo dende as diferentes perspectivas e trasladando os seus múltiples significados ás accións corporais e aos obxectos e ambientes escenográficos. A estrea do espectáculo resultante terá lugar no mes de decembro.

Nabeirrarúa é unha compañía de recente creación, que naceu a raíz do espectáculo A 2 centímetros del suelo, no que coincidiron Anuska Alonso e Mar López. Xuntas comezan a investigar no marco da escena contemporánea actual, trasladando ás súas creacións a súa experiencia como integrantes de recoñecidas formacións (Losdedae, 10&10 Danza e Cía. Daniel Abreu, entre outras).

Xunto con estes dous proxectos, tamén resultou seleccionada dentro do programa de coproducións do CCG a proposta Terra húmida presentada pola compañía Entrecaixas, que finalmente renunciou á concesión.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais