AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A MONTAXE, INSPIRADA NA VIAXE DA QUE PUIDO SER A PRIMEIRA PEREGRINA GALEGA, REPRESÉNTASE ESTE SÁBADO DÍA 16 ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

O Centro Coreográfico leva a Pontevedra o espectáculo "Etheria, a viaxe soñada"

[14/10/2010] O Centro Coreográfico Galego (CCG) continúa en Pontevedra a xira do seu espectáculo Etheria, a viaxe soñada, que representa este sábado día 16, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura. Dirixida por Mercedes Suárez, esta cuarta produción da unidade de danza da Agadic amosa unha particular visión do mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

Na súa posta en escena, combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación da vocalista Rosa Cedrón como artista convidada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.

Historia e actualidade
A montaxe parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común, na súa orixe, ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisfai a través do avance nun camiño.

Así, Mercedes Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.

O espectáculo
A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

Diante de Etheria ábrese no camiño un mundo descoñecido e heteroxéneo; do mesmo xeito que diante do público se materializa unha nova proposta coreográfica que suma á calidade da proposta artística a reprodución de motivacións actuais e universais.

Venda de entradas
As entradas para asistir á función de Etheria, a viaxe soñada en Pontevedra poden adquirirse de xeito anticipado a través da billeteira electrónica www.servinova.com ou do teléfono 902 504 500 e o día da función, a partir das 19.00 horas no despacho de billetes do Pazo da Cultura. O seu prezo é de 8 euros e de 5 euros para menores de idade, desempregados e xubilados.

Despois desta función, o Centro Coreográfico Galego viaxará ata Tui para presentar este espectáculo o sábado 23 de outubro no Teatro Municipal-Área Panorámica.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais