AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A FUNCIÓN SOCIAL DO BAILE E O TRABALLO INTERDISCIPLINAR DESTACAN ENTRE AS TEMÁTICAS DAS PROPOSTAS SELECCIONADAS, ÁS QUE SE DESTINA UN TOTAL DE 29.000 EUROS

O Centro Coreográfico apoia a nova creación no ámbito da danza a través de oito proxectos de investigación

[05/11/2010] O Centro Coreográfico Galego resolveu a convocatoria do seu novo programa Proxectos de Investigación Coreográfica, a través do que destina un total de 29.000 euros ao desenvolvemento de oito iniciativas presentadas por outras tantas coreógrafas galegas. Ángela Blanco, Mónica García, Raquel González, Mª Dolores Fojón, Amparo Novas, Branca Novoneyra, Carlota Pérez e Lucía Piquero recibirán entre 2.000 e 5.800 euros para levar a cabo as súas propostas, entre as que a función social da danza e o traballo interdisciplinar como punto de partida da creación coreográfica destacan como principais pautas de traballo.

A unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) proporcionaralles, asemade, acompañamento artístico e técnico especializado durante todo o proceso, cunha duración media de dous a tres meses, tralo que as artistas entregarán un informe explicativo e gráfico do seu traballo, ademais de amosar os resultados nunha exhibición aberta ao público que terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela na primavera de 2011.

A danza como instrumento para a integración e a concienciación social é o común denominador das propostas presentadas por Carlota Pérez e Lucía Piquero. Así, baixo o título 5 S Proxecto de integración, Carlota Pérez afondará na conexión entre danza, música e terapia nun traballo dirixido a persoas con minusvalía, na procura dunha linguaxe común que non dependa das capacidades físicas. En Triloxía da violencia, Lucía Piquero investigará sobre o problema da violencia de raíz social -contra o individuo, doméstica e de grupo- cara á utilización da danza como motor de cambio e concienciación social.

Inspiración audiovisual
A creación coreográfica a partir da interacción con outras disciplinas artísticas é outra das áreas de investigación destacadas. Así, a curtametraxe Y las chimeneas decidieron escapar, do realizador galego Oliver Laxe, sirve de inspiración para o proxecto Fume, de Ángela Blanco, un traballo multidisciplinar que busca atopar un código accesible para todos os espectadores conxugando os xogos de sombras co celuloide en branco e negro.

O aire das acacias, de Branca Novoneyra, parte do poema homónimo incluído no seu libro Dentro do labirinto (Espiral Maior 2009), que a creadora transformará nunha partitura de movementos, accións e textos recitados, apoiándose así mesmo nunha composición musical creada especificamente por Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada.

Pola súa banda, Raquel González servirase dun trío de percusión e de diferentes técnicas de improvisación para investigar sobre a linguaxe xestual que evocan os distintos universos musicais en A terra sen mal danza, mentres que en Branco, de Amparo Novas, dúas bailarinas e un músico unirán as súas artes en escena para experimentar coa relación entre as emocións e as cores.

Ollada histórica
Os dous proxectos restantes ofrecen unha nova ollada cara á historia -recente e antiga- da danza: Mónica García presenta Velocidade das cousas, que se basea nas formulacións de Merce Cunningham para investigar sobre a produción coreográfica a partir dun patrón de instantáneas, mentres que o Proxecto para a reposición da danza antiga de Mª Dolores Fojón afonda no estudo da danza renacentista a partir de tratados da época como o Orchesographie (1596), de Thoinot Arbeau, e coa colaboración dun grupo musical especializado na música do Renacemento.

Estas oito propostas foron seleccionadas entre un total de 15 proxectos presentados a esta nova convocatoria, a través da que o Centro Coreográfico Galego abre unha vía adicional de asesoramento e apoio económico para os creadores que desenvolven o seu traballo no ámbito da danza en Galicia.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais