AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



RECIBÍRONSE MÁIS DUN CENTENAR DE SOLICITUDES PROCEDENTES DE 10 PAÍSES

Un total de 65 bailaríns participan nas audicións para a próxima produción do Centro Coreográfico Galego

[15/01/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) convocou un total de 65 bailaríns e bailarinas para participar nas audicións que celebrará na Coruña o luns 17 e o martes 18 de xaneiro co obxectivo de seleccionar o elenco da súa próxima produción, un espectáculo que integrará tres creacións coreográficas a cargo doutros tantos directores artísticos. As probas celebraranse o luns 17 e o martes 18 na sede que a unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) ten no Complexo Deportivo de Elviña, na Coruña.

Os aspirantes, que optan a 6 prazas de bailaríns e outras 6 de bailarinas, foron preseleccionados entre máis dun centenar de solicitudes recibidas dende un total de 10 países de Europa e América, trala convocatoria realizada polo CCG o pasado mes de decembro.

Primeira proba eliminatoria
As probas constarán de tres fases, comezando pola participación dos bailaríns nunha clase de danza clásica académica dunha hora e media de duración. Os que superen esta primeira fase, de carácter eliminatorio, disporán dun tempo máximo de cinco minutos para executar de xeito individual unha variación clásica ou contemporánea, así como unha improvisación.

Terán, asemade, unha entrevista persoal co tribunal encargado da selección, do que formarán parte a directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, e as profesoras de danza da unidade coreográfica da Agadic, así como os directores artísticos das pezas que conformarán o novo espectáculo.

Está previsto que os candidatos finalmente elixidos inicien os ensaios o próximo mes de febreiro, cara á estrea da nova montaxe do Centro Coreográfico Galego a primeiros da primavera de 2011.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais