AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DÉBORAH ALFAYA, MAITE QUIÑONES E PALOMA PÉREZ-COLOMER, EN DANZA CLÁSICA, E DAVID LOIRA E CELIA LÓPEZ, EN CONTEMPORÁNEA, IMPARTIRÁN CADA UNHA DAS SESIÓNS

O CCG organiza un ciclo de cinco "master class" en colaboración con escolas galegas de danza

[06/02/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolverá a próxima semana un ciclo de cinco master class en colaboración con diferentes centros de danza de Galicia. As profesoras Déborah Alfaya Gottschalk, Maite Quiñones e Paloma Pérez-Colomer, en danza clásica, e David Loira e Celia López Hernández, en contemporánea, impartirán cada unha das sesión matinais que se celebrarán do luns 7 ao venres 11 de febreiro na sede da unidade de danza da Agadic no Complexo Deportivo de Elviña da Coruña.

Unha vintena de alumnos asistirán a estas clases maxistrais, que darán comezo este luns da man de Déborah Alfaya, fundadora dos estudios Hannelore-Deborah de Pontevedra e Redondela. O ciclo continúa o martes 8 con David Loira, bailarín e profesor no centro Espazo Aberto de Santiago de Compostela; o mércores 9, con Maite Quiñones, reponsable da escola de danza de Cangas que leva o seu nome; o xoves 10, con Celia López Hernández, profesora do estudio Degas de Ferrol; e o venres 11, con Paloma Pérez-Colomer Cachafeiro, da escola Druída da Coruña.

Reforzo e incentivo formativo
Con este ciclo, dirixido tanto a profesionais como a estudantes de nivel medio-alto, ábrese a nova liña de colaboración directa coas escolas galegas de danza que xa avanzara a directora do Centro, Mercedes Suárez, no inicio da súa xestión á fronte desta unidade da Agadic. O obxectivo prioritario desta iniciativa é reforzar e incentivar a formación no ámbito coreográfico, ofrecendo novos alicientes tanto ao alumnado como ao profesorado, e apoiando "o mantemento do rigor artístico e técnico como máxima de todo traballo de creación, investigación e interpretación coreográfica".

O programa formativo do Centro Coreográfico complétase con obradoiros a cargo de profesionais de recoñecida traxectoria en diferentes materias relacionadas coa danza e as artes do movemento, como os impartidos recentemente por Paula de Castro, primeira bailarina do Ballet da Ópera de Niza, e Marta Schinca, catedrática emérita de Técnica e Expresión do Movemento na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid e pioneira da ensinanza e da investigación no ámbito da expresión corporal en España.

Tamén durante este primeiro cuadrimestre do ano, organizaranse tres obradoiros sobre outros tantos métodos coreográficos -Vaganova, técnica Limón-Release e danza Graham-, ademais de ofrecer un taller co bailarín e coreógrafo Toni Aparisi. Ao mesmo tempo, continúan as clases abertas de danza clásica que as profesoras do Centro Coreográfico Beatriz Ponlla e Belén Vázquez imparten arredor de em]Etheria. A viaxe soñada, o último espectáculo producido polo CCG.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais