AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ACTUARÁ MAÑÁ XOVES, ÁS 20.30 HORAS, NO TEATRO DE MADRID

O Centro Coreográfico Galego abre en Madrid o ciclo Cartografías de la Danza con "Etheria, a viaxe soñada"

[23/02/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) viaxa a Madrid onde mañá xoves abrirá a programación do ciclo Cartografía de la Danza co seu espectáculo Etheria, a viaxe soñada. A unidade de danza da Agadic presentará ás 20.30 h no Teatro de Madrid, espazo especializado na exhibición coreográfica, esta peza creada e dirixida por Mercedes Suárez que une danza e videocreación para se achegar á historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

O CCG foi convidado a participar nesta oitava edición da mostra que organiza ata o 6 de marzo a produtora Artibus, xestora do Teatro de Madrid, co obxectivo de ofrecer un panorama da actual escena coreográfica española nos seus máis diversos estilos: danza clásica, contemporánea, urbana e flamenco, entre outros. A do Centro Coreográfico será a primeira das sete propostas que ofrece esta carteleira, na que figuran así mesmo as compañías Lapedroche, Pilar Vilanueva Lan1, Provisional Danza ou Dani Pannullo.

Historia e actualidade
En Etheria, a viaxe soñada, Mercedes Suárez deseñou unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar de xeito fluído as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía.

A montaxe, que interpretan 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas, conta igualmente coas achegas de destacados profesionais e artistas galegos, como é o caso da vocalista Rosa Cedrón, quen interpreta en directo un dos temas do espectáculo. Outras colaboracións destacadas son as de Isaac Garabatos, compositor da música executada polo grupo ISGA Collective; Antonio F. Simón, deseñador da escenografía e iluminación; e Marcos Garabán, do vestiario.

Sinopse
A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo do escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais