AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



IMPARTIDO POR ÁFRICA FERNÁNDEZ, AUTORA DO MANUAL LA DANZA ACADÉMICA Y SU METODOLOGÍA, DESENVOLVERASE DENDE HOXE E ATA O DÍA 18

O Centro Coreográfico Galego organiza un curso sobre o sistema Vaganova no Conservatorio de Danza de Lugo

[14/03/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza esta semana no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo o Curso de Metodoloxía da Danza Académica que, baseado no Sistema Vaganova, imparte a profesora África Hernández, autora do manual La danza académica y su metodología. Este obradoiro teórico-práctico, que se desenvolve dende hoxe e ata o venres 18 en horario de mañá e tarde, diríxese preferentemente a profesores de danza, coa finalidade de incentivar a investigación e experimentación dentro desta ensinanza artística.

Un total de 12 alumnos asisten ao curso, durante o que se abordarán os primeiros pasos do sistema Vaganova, método de ensinanza de gran relevancia no ballet ruso que, baseado na análise da técnica doutras escolas de danza clásica, fai un especial fincapé na coordinación de todo o corpo. Ademais deste achegamento téorico e práctico aos exercicios na barra, no centro, allegro e sobre as puntas, África Hernández tamén incidirá no desenvolvemento da sensibilidade corporal e musical.

Movemento e música
Seguindo as pautas indicadas no libro La danza académica y su metodología. Análisis del movimiento en relación con su estructura musical, téntase propiciar así mesmo un espazo de encontro entre profesores de danza, fomentando a relación entre a análise do movemento e a musical, a adquisición dunha coordinación harmoniosa entre todas as partes do corpo e a experimentación das sensacións dos contidos de vocabulario propostos.

Titulada en Danza Clásica polo Conservatorio Superior de Música de Valencia e pedagoga do método Vaganova pola Hungarian Dance Academy de Budapest, África Hernández conta cunha ampla traxectoria como bailarina, destacando a súa actividade como semi-solista do Ballet Clásico de Zaragoza, bailarina do Tivolis-Pantomimeteater de Copenhague e solista da Ópera de Hannover, e como docente. Neste último ámbito, sobresae o seu labor como profesora na Compañía de Vicente Sáez, no Estudo de Danza de María Carbonell, na especialidade de Pedagoxía da Danza Clásica e Contemporánea na Facultade das Artes de Altea da Universidade Miguel Hernández, e no Conservatorio Profesional de Danza de Valencia.

Publicado en 2009 por Ediciones Mahali, no seu libro La danza académica y su metodología África Hernández incorporou as súas propias reflexións a partir do Sistema Vaganova para desenvolver esta metodoloxía dun xeito anovador, descompoñendo cada movemento ata os seus elementos mínimos e facilitando o camiño cara á forma final. Este manual corresponde aos dous primeiros cursos do nivel elemental.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais