TONY FABRE, ÁNGEL RODRÍGUEZ E AMAURY LEBRUN, EXCOMPOÑENTES DA COMPAÑÍA NACIONAL DE DANZA, SON OS AUTORES DE "HONEY MOON", "DULCE MEMORIA" E "MAGNIFICAT"
O Centro Coreográfico estreará o espectáculo "3Dtres" o próximo 11 de xuño no Teatro Colón da Coruña
[12/05/2011] O Centro Coreográfico Galego (CCG) estreará o vindeiro 11 de xuño no Teatro Colón da Coruña o espectáculo titulado 3Dtres, a produción propia para este ano da compañía que dirixe Mercedes Suárez. A unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) está a ultimar os ensaios desta montaxe na que participan 10 bailaríns e bailarinas e que se articula mediante a sucesión de tres pezas creadas especialmente para o CCG por outros tantos coreógrafos convidados.
Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun, todos eles excompoñentes da Compañía Nacional de Danza como colaboradores de Nacho Duato, compoñen o trío de autores de cada una das partes de
3Dtres, tituladas respectivamente
Honey moon,
Dulce memoria e
Magnificat. Diferentes músicas, temas, vestiarios e postas en escena presentan cada una destas coreografías, que teñen non obstante o denominador común da técnica empregada polas cinco parellas de intérpretes -un estilo contemporáneo sobre unha sólida base de danza clásica- e o traballo integrador de Mercedes Suárez.
As bailarinas Ástrid Molinero, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Lucía Antonella Sampieri e Irene Rubio; e os bailaríns Ariel Gastón A. Caramés, Carlos Ugarriza, Juan Miguel Hernández, Miguel Ángel Ponte e Pablo Aradillas interpretarán diante do público
3Dtres despois de máis dous meses de adestramento sobre as obras entregadas polos coreógrafos e ensaiadas cada día ás ordes dun equipo de catro mestres de danza.
A compañía, que ocupa estes días a aula do Centro Coreográfico no Complexo Polideportivo de Elviña, na Coruña, trasladarase entre o 18 e o 24 de maio ao Auditorio Municipal Gabriel García Márquez, situado no municipio limítrofe de Oleiros, onde se levarán a cabo os traballos e pases previos á estrea coas probas da luz deseñada por Santi Mañasco e do son que está a realizar Hugo Peñamaría.
< Volver