AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ESTREARÁ A PRODUCIÓN "VACUO" O 6 DE XANEIRO NA CORUÑA

O Centro Coreográfico Galego presenta o seu primeiro plano de actividades

[15/12/2006] O Centro Coreográfico Galego (CCG), unidade de nova creación integrada na estrutura do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais da Consellaría de Cultura e Deporte, inicia o seu funcionamento a prol do desenvolvemento integral no ámbito da danza contemporánea en Galicia coa posta en marcha de diferentes liñas de actuación dirixidas tanto aos artistas como á cidadanía. A nova entidade foi presentada este mediodía pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, nun acto celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña –cidade na que o Centro ten a súa sede– e no que tamén participaron o xerente do IGAEM, Miguel Martín, e a coordinadora do CCG, Natalia Balseiro.

O Centro Coreográfico Galego nace coa pretensión de converterse nun espazo de encontro dos artistas e destes co público co fin de mellorar as condicións dos profesionais do sector, atendendo ás súas demandas e ofrecéndolles novas oportunidades de expresión e difusión da súa arte, ao tempo que se procura unha maior proxección social da danza.

Así, segundo o programa de actividades da temporada 2006-2007, o CCG apoiará a creación artística a través da súa primeira produción propia –Vacuo– e de senllas coproducións coas compañías ExperimentaDanza e Pisando Ovos, ademais de promover a investigación mediante a convocatoria pública de residencias artísticas e axudas económicas, e de organizar diferentes accións formativas dirixidas aos profesionais e aos cidadáns, sempre coa ollada posta na creación de novos públicos e na fidelización dos xa existentes. Entre as iniciativas previstas para o vindeiro 2007, destaca tamén a posta en marcha dunha colección editorial e dun centro de recursos para a danza.

PEZA INAUGURAL

Vacuo é o título da primeira peza asinada polo Centro, que ten previsto presentar unha produción propia por temporada baixo a dirección dun coreógrafo/a convidado/a e cun corpo de baile seleccionado a través de audicións públicas. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá os vindeiros días 6 e 7 de xaneiro a estrea desta proposta multidisciplinar creada e dirixida pola coreógrafa ourensá Maruxa Salas.

O programa da temporada 2006-2007 contempla, ademais, o sistema de coprodución como xeito de apoiar iniciativas privadas que destaquen pola innovación na procura de novas linguaxes coreográficas. Neste sentido, o Centro Coreográfico colaborará coas compañías galegas ExperimentaDanza (A Coruña) e Pisando Ovos (Vigo) na realización de senllos proxectos que serán estreados entre os meses de maio e xuño.

RESIDENCIAS ARTÍSTICAS

O CCG incidirá igualmente na promoción da investigación a través da próxima convocatoria pública de Residencias Artísticas, unha iniciativa grazas á que catro proxectos elixidos por unha comisión disporán das infraestruturas e dos medios económicos e humanos axeitados para o óptimo desenvolvemento do proceso de investigación-creación. Na selección dos candidatos, valorarase a innovación, a colaboración con artistas doutros territorios, a interacción con outras manifestacións artísticas, o traballo en rede e a proposta de acción educativas. Estas últimas deberán materializarse en intervencións formativas pensadas para os artistas e en accións pedagóxicas dirixidas á cidadanía, seguindo as dúas vertentes nas que se centra o plano formativo do Centro.

Neste sentido, ademais dos seminarios de especialización para profesionais que se celebrarán de maio a xullo e de setembro a novembro, o CCG organizará actividades educativas para todos os públicos en distintos puntos de Galicia e abrirá as portas da súa sede aos cidadáns para ofrecerlles una serie de recursos formativos a través dos que promover unha maior sensibilidade social cara á danza.

Coincidindo coa posta en escena de Vacuo, inaugurarase unha colección editorial que, vinculada ás producións propias do Centro, aspira a converterse nunha iniciativa de referencia no sector. Cada unha das publicacións desta nova serie plasmará en imaxes o proceso da composición coreográfica e contará coa achega dun escritor convidado, encargado de ofrecer unha visión externa sobre a peza.

O Centro Coreográfico Galego prevé, ademais, a posta en marcha doutras iniciativas que contribuirán ao pleno desenvolvemento das súas funcións. Destacan, entre outras, a creación dun centro de recursos que contará con biblioteca, videoteca e todos tipo de información de utilidade para a profesión, o establecemento de vías de comunicación permanentes co sector, a celebración de convenios de colaboración con outros proxectos ou a convocatoria dun certame coreográfico.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais