AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A INICIATIVA INSÍRESE NO ACORDO DE COLABORACIÓN ENTRE A UNIDADE DE DANZA DA AGADIC E O FESTIVAL MOZART, EN COINCIDENCIA COA ACTUACIÓN DO CORELLA BALLET NA CORUÑA

Ángel Corella ofrece mañá unha clase maxistral para 30 alumnos no Centro Coreográfico Galego

[03/06/2011] Un total de 30 alumnos participará mañá día 4 na clase maxistral de danza clásica que o bailarín e coreógrafo Ángel Corella impartirá na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña. A sesión, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas nas instalacións do Complexo Deportivo de Elviña, inscríbese nun acordo xeral de colaboración asinado entre a unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e o Festival Mozart da Coruña.

A clase maxistral de Corella no CCG coincide coa súa estadía na Coruña con motivo das actuacións que ofrecerá xunto á súa propia compañía, o Corella Ballet, mañá e o domingo no Palacio da Ópera da Coruña, onde interpretará El lago de los cisnes de Tchaikovsky dentro da programación do devandito festival e en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia e o propio Centro Coreográfico.

Un total de 30 alumnos procedentes de toda Galicia foron finalmente seleccionados, atendendo aos currículos achegados, entre o medio cento de solicitudes recibidas para participar nesta sesión. Entre eles, atópanse os integrantes do corpo de baile de 3Dtres, o novo espectáculo que o Centro Coreográfico Galego estreará o vindeiro día 11 no Teatro Colón da Coruña.

Figura internacional
Bailarín principal do American Ballet Theatre dende 1996, Ángel Corella é unha das principais figuras da danza actual dentro e fóra de España. Comezou a súa carreira en danza clásica da man de Víctor Ullate. Ademais do seu traballo no American Ballet Theatre, é estrela convidada do Royal Ballet de Londres, do Ballet de Australia, da Scala de Milán, do Ballet de Chile, do Ballet de Finlandia, do Asami Maki Ballet de Tokio, do Bolshoi Ballet, do New York City Ballet ou do Kirov Ballet de San Petersburgo, entre outros.

Ao longo da súa carreira profesional, Corella ten representado todos os roles principais do repertorio clásico e neoclásico; e coreógrafos da valía de John Neumeier, Twyla Tharp, Mark Morris, Chistopher Wheeldon ou Davis Paterson asinaron traballos para ser interpretados especificamente por el.

En 2001 creou a fundación que leva o seu nome co propósito de fomentar a arte da danza clásica e facilitar os medios a bailaríns que, por circunstancias sociais ou económicas, non poden levar a cabo a súa formación. Tras sete anos de traballo, un dos grandes proxectos da Fundación Ángel Corella, o Corella Ballet de Castilla y León, comezou a súa actividade en 2008 desde a localidade segoviana da Granxa.

En 2002 recibiu o Premio Nacional de Danza en recoñecemento á excepcionalidade da súa danza e como representante de toda unha xeración de artistas españois que destacaron en compañías internacionais. Tamén foi galardoado coa Medalla de las Artes de la Comunidad de Madrid, o Premio Internacional Benois de la Danse, a Estrella de la Cultura da cidade de Salamanca e o premio Galileo 2000.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais