AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DESENVÓLVESE DO 5 AO 9 DE SETEMBRO NA SEDE CORUÑESA DA UNIDADE DE DANZA DA AGADIC

Eva Bertomeu impartirá un taller de composición coreográfica a partir da técnica Limón

[15/08/2011] O Centro Coreográfico Galego acollerá do 5 ao 9 de setembro un taller de composición coreográfica baseado na técnica Limón, impartido pola bailarina, directora e creadora valenciana Eva Bertomeu, quen ofrecerá un total de 25 horas lectivas para profesionais da danza e estudantes de nivel medio e alto. O curso, para o que permanece aberto o prazo de matrícula ata o 2 de setembro, oferta un total de 25 prazas e unha clase aberta que terá lugar na última xornada.

As sesións, que se desenvolverán en horario de mañá nas instalacións do CCG no Complexo Deportivo de Elviña da Coruña, dividiranse en dúas partes. Na primeira delas, a clase centrarase na técnica impulsada por José Limón (1908-1972), coreógrafo mexicano afincado en Estados Unidos que desenvolveu un método baseado nas calidades físicas do corpo do bailarín, como a caída, a recuperación ou a suspensión, combinando a axilidade e suavidade dos movementos coa forza e o peso do corpo. Nunha segunda parte, afondarase nos distintos elementos que configuran a estrutura dunha composición coreográfica a partir dunha das pezas creadas por Eva Bertomeu.

As inscricións deberán formalizarse enviando o formulario de solicitude que se pode descargar a través web do Centro Coreográfico Galego (www.centrocoreografico.org) aos enderezos electrónicos formacion.ccg@xunta.es e actividades.ccg@xunta.es. O prezo da matrícula é de 50 euros.

Estilo ecléctico e esixente
Directora, coreógrafa e bailarina da súa propia compañía, Eva Bertomeu (Valencia, 1973) vén desenvolvendo ao longo da súa traxectoria artística un particular estilo coreográfico e interpretativo, pouco influenciado polas diferentes tendencias dancísticas. Aínda que ecléctico, este estilo está dotado dunha grande esixencia técnica na que se intúe unha forte base formativa en danza clásica e no método Limón.

En 2001 funda a compañía Bojnami Danza, que en 2008 pasa a denominarse EBCD-Eva Bertomeu Compañía de Danza, e presenta a peza "Sé de un lugar…" no Certame Coreográfico de Madrid, obtendo en 2002 unha residencia artística de creación no Centro Coreográfico de Valencia para desenvolver "…De todo lo que me habita". Tamén ese ano é convidada a participar no Festival Dansa València.

Cun amplo repertorio de produción propia, a súa compañía presentou espectáculos en teatros e festivais de España, Francia, Bélxica, Italia, Inglaterra, Portugal, EE.UU., Cuba, Arxentina, Perú e Paraguai. Bertomeu conta, así mesmo, con numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa traxectoria artística, así como cunha ampla experiencia como profesora de danza contemporánea dentro e fóra de España.

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais