AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ESTA NOITE REPRESÉNTASE TAMÉN NO AUDITORIO MUNICIPAL DE MONTERROSO

O Centro Coreográfico Galego actúa mañá na praza de María Pita da Coruña con '3Dtres'

[17/08/2011] A praza de María Pita da Coruña acollerá mañá xoves, ás 22.00 horas, o espectáculo de danza 3Dtres, producido polo Centro Coreográfico Galego a partir das tres pezas creadas ex profeso por Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun: Honey Moon, Dulce memoria e Magnificat, respectivamente. Ademais, hoxe mércores, a partir das 21.45 horas, os dez bailaríns e bailarinas do elenco porán en escena esta última montaxe da compañía pública no Auditorio Municipal de Monterroso.

Os tres coreógrafos, de recoñecida traxectoria internacional e ex integrantes, entre outras, da Compañía Nacional de Danza baixo a dirección de Nacho Duato, desprazáronse á Coruña durante o proceso de preparación de 3Dtres para traballar directamente co corpo de baile, así como co resto do equipo artístico, baixo a coordinación de Mercedes Suárez como directora do Centro Coreográfico Galego e deste espectáculo.

Como o seu propio título indica, 3Dtres -estreado o pasado mes de xuño no Teatro Colón da mesma cidade- constrúese arredor de tres creacións ben diferenciadas canto a música, temas, vestiario e postas en escena, que porén teñen como denominador común a técnica empregada polas cinco parellas que as interpretan: un estilo totalmente contemporáneo, desenvolvido sobre unha sólida base de danza clásica. Irene Rubio, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Fátima Fernández, Elena Chamorro, Carlos Ugarriza, Ariel A. Caramés, Juan M. Hernández, Miguel A. Ponte e Pablo Aradillas integran o corpo de baile, seleccionado a través dun proceso de audición, que conta coa experiencia previa común de ter formado parte de Etheria, o anterior espectáculo do Centro Coreográfico.

Santi Mañasco, no deseño de iluminación; Nuria Barrio, Santos Salgado e María Villas, no de vestiario; Pixel Films, na montaxe audiovisual; e Yolanda González, na asistencia á dirección, forman parte tamén do equipo artístico que leva a escena esta quinta produción propia da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Poema en movemento
Para este proxecto, Tony Fabre creou Honey Moon como un "poema en movemento" sobre música de Jean Poinsignon e do Steve Reich Ensemble. Nesta peza, o coreógrafo francés -autor de numerosos títulos para a Compañía Nacional de Danza 2, IT Dansa, Tulsa Ballet e Ballet Béjart Lausanne, entre outras formacións- constrúe con humor unha representación da evolución do mundo e dos ciclos da renovación da natureza.

En Dulce memoria, o madrileño Ángel Rodríguez propón un canto ás nosas lembranzas a través de dúos, tríos e cuartetos en continua progresión. Neste caso, a música medieval e renacentista é de Martín Códax e Tomás Luis de Victoria. De formación e traxectoria ecléctica, Rodríguez foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo ou o Balllet do Teatro Mijáilovski, así como para musicais, cine, publicidade, moda, etc.

Por último, Amaury Lebrun emprega música de Bach para Magnificat, a través da que busca trasladar ao espectador a un mundo de contrastes no que a utilización do tutú romántico preséntase en contraposición aos movementos máis contemporáneos. Este coreógrafo francés dirixe a súa propia compañía (Amaury Dance Company), traballo que combina con colaboracións habituais para outras formacións e festivais.

Trala súa función de mañá na Coruña, dentro da programación cultural das Festas de María Pita 2011, 3Dtres exhibirase no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo o 17 de setembro e no Pazo da Cultura de Pontevedra o 15 de outubro.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais