AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



ÁNXELA BUGALLO PARTICIPOU HOXE NO ACTO DE PROMOCIÓN REALIZADO NA LONXA DO PEIXE DO MURO

O Centro Coreográfico debuta ante o público con "Vacuo" o día 6 no Teatro Rosalía Castro da Coruña

[04/01/2007] O Centro Coreográfico Galego (CCG) sube por vez primeira aos escenarios con Vacuo, produción propia coa que debuta os días 6 e 7 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Coa posta en escena desta peza, asinada pola coreógrafa ourensá Maruxa Salas, culminan catro intensos meses de creación e ensaios durante os que o seu equipo artístico deu forma a unha obra interdisciplinar que constitúe a carta de presentación ante o público da nova unidade de danza do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), organismo adscrito á Consellería de Cultura e Deporte.

A propia conselleira, Ánxela Bugallo, participou esta mañanciña no acto promocional de Vacuo, que se realizou na lonxa do peixe do Muro, xunto aos responsables artísticos da montaxe. A presentación incluíu unha breve performance de parte do elenco de bailaríns ante os traballadores portuarios, nun intento de implicar na danza a colectivos e lugares emblemáticos das cidades galegas nas que se exhibirá o espectáculo.

Integrada por catro fragmentos coreográficos, Vacuo constrúese sobre unha metáfora que relaciona os bosques coas almas humanas, comparando a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores. Fronte a este deterioro, suxire un "espazo vacuo", de rexeneración, que aposta pola arte de vivir á marxe de medos e prexuízos, polo entendemento e a concienciación.

CREACIÓN ABERTA

Para desenvolver a súa proposta, Maruxa Salas optou por unha metodoloxía de creación aberta e participativa na que música composta por Berrogüetto, o espazo escénico e a iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario de Ruth Díaz e as pezas audiovisuais de Adriana Domínguez xogaron un papel activo no proceso de composición da peza final, cunha duración total duns 50 minutos.

Salas conta, así mesmo, co apoio de Erick Patrith Jiménez, como asistente de dirección e coreografía, e de Igor Goyena, como asistente e repetidor, no seu traballo cos 15 bailaríns e bailarinas que foron seleccionados para participar nesta produción a través dunha audición pública: María Pilar Abaurrea, Pablo Aradillas, Lorena Ballesteros, Elena Conesa, Alexis Fernández "Maca", Carmela García, Miguel Ángel Llorenç, Kirenia Martínez, Cristina Miralles, Gustavo Muñiz, Amparo Novas, Matilde Pedreira, Ana Beatriz Pérez, Caterina Varela e Iván Villar.

Trala estrea no Rosalía, o Centro Coreográfico Galego emprenderá unha xira de tres meses durante a que Vacuo se exhibirá inicialmente noutras oito localidades galegas: Compostela (Salón Teatro, do 11 ao 14 de xaneiro), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 20 de xaneiro), Narón (Auditorio Municipal, 2 de febreiro), O Barco (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de febreiro), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 2 de marzo), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 11 de marzo), Cangas (Auditorio Municipal, 17 de marzo), Ourense (Teatro Principal, 31 de marzo e 1 de abril).

ESPAZO DE ENCONTRO

Con sede na cidade da Coruña, o CCG vén de iniciar a súa andaina como espazo de encontro dos artistas e destes co público co fin de mellorar as condicións dos profesionais do sector, atendendo ás súas demandas e ofrecéndolles novas oportunidades de difusión da súa arte, ao tempo que busca unha maior proxección social da danza.

Neste sentido, o Centro apoiará a creación artística a través dunha produción propia por temporada –cun corpo de baile seleccionado para a ocasión e baixo a dirección dun coreógrafo convidado, encargado así mesmo de definir o perfil do equipo artístico que precisa– e de coproducións con compañías privadas –este ano, con ExperimentaDanza e Pisando Ovos–, ademais de promover a investigación mediante a convocatoria de residencias artísticas e axudas económicas, e de organizar accións formativas dirixidas aos profesionais e aos cidadáns, entre outras iniciativas.

Documentos

Ligazóns


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais