AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



A PEZA DE MARUXA SALAS MUSICADA POR BERROGÜETTO EXHÍBESE EN COMPOSTELA DO 11 AO 14 DE XANEIRO

O Salón Teatro acolle catro funcións do Centro Coreográfico Galego con "Vacuo"

[10/01/2007] O Salón Teatro de Santiago acolle do 11 ao 14 de xaneiro catro representacións de Vacuo, a peza que Maruxa Salas deseñou para a inauguración do Centro Coreográfico Galego (CCG), que chega a Compostela trala súa estrea o pasado 6 de xaneiro na Coruña como primeira proposta artística da nova unidade de danza dependente da Consellería de Cultura e Deporte ao través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais).

A estación de ferrocarril da cidade foi o escenario escollido para o acto de promoción do espectáculo na capital de Galicia, nun intento do CCG de achegar a danza á cidadanía e contribuír á súa proxección social máis alá dos escenarios. Con este fin, parte do elenco de Vacuo apeouse este mediodía no andén para desenvolver unha breve performance ante xornalistas e público xeral, previa á rolda de intervencións na que participaron a coreográfa ourensá Maruxa Salas; Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, Néstor Rego, concelleiro de Cultura e Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego (CDG) e do Salón Teatro.

Vacuo é unha obra interdisciplinar para 15 bailaríns asinada por Salas canto á dirección e deseño coreográfico; e na que tamén se amosa a música composta por Berrogüetto, o espazo escénico e a iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario de Ruth Díaz Piñeiro e as pezas audiovisuais de Adriana Domínguez. Integrada por catro fragmentos coreográficos cunha duración total duns 60 minutos, Vacuo constrúese sobre unha metáfora que relaciona os bosques coas almas humanas, comparando a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores. Fronte a este deterioro, suxire un "espazo vacuo", de rexeneración, que aposta pola arte de vivir á marxe de medos e prexuízos, polo entendemento e a concienciación.

Maruxa Salas contou así mesmo co apoio de Erick Patrith Jiménez, como asistente de dirección e coreografía, e de Igor Goyena, como asistente e repetidor, no seu traballo cos bailaríns e bailarinas que foron seleccionados para participar nesta produción a través dunha audición pública: María Pilar Abaurrea, Pablo Aradillas, Lorena Ballesteros, Elena Conesa, Alexis Fernández "Maca", Carmela García, Miguel Ángel Llorenç, Kirenia Martínez, Cristina Miralles, Gustavo Muñiz, Amparo Novas, Matilde Pedreira, Ana Beatriz Pérez, Caterina Varela e Iván Villar.

PROGRAMACIÓN DE INVERNO

O Salón Teatro acoller Vacuo os días 11, 12 e 13 de xaneiro ás 20:30 horas, así como o día 14 ás 18:00 horas. Coa representación do CCG o espazo escénico compostelán que xestiona o Centro Dramático Galego inicia a súa programación de inverno, que se desenvolverá até finais do próximo mes de marzo e na que dará cabida a distintos recitais de múisica contemporánea, así como espectáculos de danza e teatro de compañías como Circolando, Rui Horta, Alleretour, Teatro Lliure e Centre d’Arts Escéniques de Reus, La Zaranda, Teatro de Ningures, Lagarta Lagarta ou o propio CDG coa súa vindeira produción, Tarará-Chis-Pum.

Despois das funcións en Compostela, o Centro Coreográfico Galego emprenderá unha xira de tres meses durante a que Vacuose exhibirá inicialmente noutras sete localidades galegas: Vigo (Centro Cultural Caixanova, 20 de xaneiro), Narón (Auditorio Municipal, 2 de febreiro), O Barco (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de febreiro), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 2 de marzo), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 11 de marzo), Cangas (Auditorio Municipal, 17 de marzo) e Ourense (Teatro Principal, 31 de marzo e 1 de abril).

ESPAZO DE ENCONTRO

Con sede na cidade da Coruña, o CCG vén de iniciar a súa andaina como espazo de encontro dos artistas e destes co público co fin de mellorar as condicións dos profesionais do sector, atendendo ás súas demandas e ofrecéndolles novas oportunidades de difusión da súa arte, ao tempo que busca unha maior proxección social da danza.

Neste sentido, o Centro apoiará a creación artística a través dunha produción propia por temporada –cun corpo de baile seleccionado para a ocasión e baixo a dirección dun coreógrafo convidado, encargado así mesmo de definir o perfil do equipo artístico que precisa– e de coproducións con compañías privadas –este ano, con ExperimentaDanza e Pisando Ovos–, ademais de promover a investigación mediante a convocatoria de residencias artísticas e axudas económicas, e de organizar accións formativas dirixidas aos profesionais e aos cidadáns, entre outras iniciativas.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais