AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



BAIXO A DIRECCIÓN DE MERCEDES SUÁREZ, A COMPAÑÍA INSTITUCIONAL UTILIZARÁ A ESCENOGRAFÍA E VESTIARIO ORIXINAIS NUNHA INTERPRETACIÓN A CARGO DE SEIS BAILARÍNS

Cultura e Educación obtén os dereitos para a montaxe da obra de Nacho Duato "Jardí tancat" polo Centro Coreográfico Galego

[18/03/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria obtivo os dereitos de representación da peza titulada Jardí tancat, a primeira creación do bailarín e coreógrafo Nacho Duato, para a súa montaxe polo Centro Coreográfico Galego (CCG). Baixo a dirección artística Mercedes Suárez, a unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) incorporará esta obra á súa próxima produción como parte dun programa dobre que estreará no mes de maio.

A concesión, que foi posible pola participación nos últimos traballos do CCG de Amaury Lebrun, colaborador habitual de Duato, inclúe a utilización dos deseños de escenografía e vestiario da peza, orixinais tamén do propio creador valenciano que estivera durante 20 anos (de 1990 a 2010) á fronte da Compañía Nacional de Danza (CND) e director na actualidade do ballet do Teatro Mijáilovski de San Petersburgo.

Jardí tancat (Xardín pechado) baséase en textos e cantos populares mallorquinos aos que a cantautora María del Mar Bonet puxo música e voz para recrear a tradición mediterránea máis antiga, relativa aos traballos realizados no campo polos payeses e no mar polos pescadores baleares. As cancións de Bonet, que discorren entre a tristura e a melancolía, versan sobre os aspectos máis cotiás da vida.

Creada en 1983
Trátase da primeira coreografía que deseñou Nacho Duato (Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes en 1999 e Premio Nacional de Danza en 2003) e coa que iniciou a súa longa traxectoria profesional cando bailaba no Nederlands Dans Theater da Haia, onde a estreou en 1983.

A creación foi galardoada entón co I Premio do Concurso Internacional de Colonia (Alemaña). Pouco despois de ser nomeado director da Compañía Nacional de Danza, Duato recuperou estra montaxe para reestreala en 1992 no Teatro Albéniz de Madrid.

A peza componse tecnicamente de solos, dúos e momentos corais, que transmiten durante 20 minutos unha profunda impresión de ligazón á terra. O Centro Coreográfico Galego executaraa cun elenco de seis bailaríns e bailarinas.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación volve a dar conta do seu traballo a prol da difusión da danza mediante a interpretación desta peza emblemática por un corpo de baile do Centro Coreográfico Galego e a súa representación diante do público de Galicia.


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais