AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



"AÍNDA" CÉNTRASE NUNHA PEZA CREADA POR MERCEDES SUÁREZ XUNTO A AMAURY LEBRUM E COMPLÉTASE CON "JARDÍ TANCAT" DE NACHO DUATO

Cultura e Educación amosa o traballo en proceso do novo espectáculo do Centro Coreográfico na Semana da Danza de Lugo

[26/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa na Semana da Danza de Lugo cunha mostra do traballo en proceso do próximo espectáculo do Centro Coreográfico Galego, que terá lugar hoxe xoves ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O público do certame organizado polo Conservatorio Profesional de Danza e o Concello de Lugo será o primeiro en coñecer parte da nova proposta da compañía pública galega que, baixo o título de Aínda, será estreada o 25 de maio no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Aínda, con dirección artística de Mercedes Suárez e interpretación a cargo de seis bailaríns e bailarinas, está composto por dúas pezas coreográficas: Aínda, de Mercedes Suárez e Amaury Lebrum; e Jardí Tancat, de Nacho Duato. O espectáculo mestura a danza contemporánea coa tradicional galega, co obxectivo de reflectir o potencial da cultura de Galicia. Sendo máis próxima ao estilo contemporáneo, ten porén un marcado carácter galego, xa que se introducen xestos da danza popular de total expresividade. A música está inspirada tamén en melodías tradicionais galegas.

Para a interpretación de Jardí Tancat, o CCG conseguiu os dereitos de representación desta peza, a primeira creación e unha das máis emblemáticas de Nacho Duato, que foi estreada polo Nederlands Dans Theatre en 1983 e forma parte na actualidade do repertorio do Ballet de Teatres. A montaxe, reestreada no Teatro Albéniz de Madrid en 1992 no inicio da etapa de Duato como director da Compañía Nacional de Danza, está debuxada por solos, dúos e momentos corais, que adquiren unha profunda impresión de ligazón á terra.

O Centro Coreográfico Galego, dependente da Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) colabora deste xeito coa Semana da Danza de Lugo, un evento para o encontro e a exhibición coreográfica que se desenvolve do 23 ao 27 de abril en distintos espazos da capital luguesa cara a conmemoración do Día Internacional da Danza, que se celebra o 29 de abril.

Documentos


< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais