[29/04/2011]
A I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolve dende o pasado martes en Santiago de Compostela, chega mañá ao seu fin cunha intensa xornada durante a que se exhibirán un total de 10 propostas coreográficas a cargo doutras tantas formacións de danza tradicional, contemporánea e de integración. Finaliza así esta programación especial, deseñada polo Centro Coreográfico Galego (CCG) como achega ás celebracións do Día Mundial da Danza, que se conmemora hoxe, e co obxectivo de facilitar unha perspectiva das diferentes liñas de traballo dentro da escena coreográfica galega.
[26/04/2011]
Máis de 200 artistas danse cita dende hoxe en Santiago de Compostela para participar na primeira edición da Mostra de Danza de Galicia que, baixo a organización do Centro Coreográfico Galego (CCG), desenvolverá un intenso programa de exhibición ata o vindeiro sábado día 30. A actividade esténdese ao longo destas cinco xornadas con sesións matinais na praza de Cervantes e de tarde no Salón Teatro, ata completar un total de 37 actuacións a cargo de formacións galegas de moi diferentes estilos.
[14/04/2011]
Coincidindo co Día Internacional da Danza, celebración que se conmemora cada 29 de abril, o Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza a I Mostra de Danza de Galicia, que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 26 e 30 deste mes con 35 compañías participantes. O Salón Teatro amosará de martes a sábado unha sucesión de máis de 20 pezas, cada unha delas duns 30 minutos de duración, levadas a cabo por unha ampla representación de compañías, intérpretes e creadores galegos. Durante as mañás a Mostra ocupará tamén a Praza de Cervantes, nun emprazamento aberto aos viandantes e no que participarán 10 formacións artísticas.
[14/03/2011]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza esta semana no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo o Curso de Metodoloxía da Danza Académica que, baseado no Sistema Vaganova, imparte a profesora África Hernández, autora do manual La danza académica y su metodología. Este obradoiro teórico-práctico, que se desenvolve dende hoxe e ata o venres 18 en horario de mañá e tarde, diríxese preferentemente a profesores de danza, coa finalidade de incentivar a investigación e experimentación dentro desta ensinanza artística.
[23/02/2011]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) viaxa a Madrid onde mañá xoves abrirá a programación do ciclo Cartografía de la Danza co seu espectáculo Etheria, a viaxe soñada. A unidade de danza da Agadic presentará ás 20.30 h no Teatro de Madrid, espazo especializado na exhibición coreográfica, esta peza creada e dirixida por Mercedes Suárez que une danza e videocreación para se achegar á historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.
< Anteriores 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51