[10/06/2010]
A compañía coruñesa Entremans presentará mañá venres en Madrid a súa montaxe de danza Concerto Desconcerto como parte do cartel artístico do festival Mov-s, que este ano organiza o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Mercart de les Flors de Barcelona. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) patrocina a incorporación deste espectáculo, realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego, no programa deste encontro internacional de danza e das artes do movemento que se desenvolve dende hoxe e ata o vindeiro domingo día 13 en diferentes espazos madrileños.
[04/05/2010]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura e Turismo inicia o seu programa de formación para este ano cun ciclo de seis master class de danza clásica e contemporánea, que se desenvolve na súa sede da Coruña ata o vindeiro 7 de maio. As actividades formativas, dirixidas tanto aos profesionais da danza como a estudantes, continuarán tralo verán ata completar un total de 10 cursos en 2010, aos que haberá que sumar as accións pedagóxicas que se organizaran en paralelo ao proceso de produción e distribución do próximo espectáculo do CCG: Ethéria. A viaxe soñada, da coreógrafa Mercedes Suárez.
[27/04/2010]
Ovay, o espectáculo coproducido en 2009 como debut da compañía de danza Quique Peón e realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego, levará a cabo unha serie de representacións a principios de maio en Xordania, en virtude dun acordo acadado co Instituto Cervantes e os seus centros asociados no reino hachemita. Desenvolveranse en total 3 funcións, que terán lugar o día 3 no Free Theatre Festival de Amman, o 5 no Centro Cultural Rey Abdullah II de Zarqa e o 6 de maio tamén en Amman, pero desta volta no Gran Teatro da Universidade da capital xordana.
[21/04/2010] A mestra e coreógrafa María Dolores Fojón impartirá mañá xoves 22 ás 19.30 horas no Salón Teatro de Santiago a conferencia "A lectura e a danza", que organiza o Centro Coreográfico Galego (CCG) como xeito de conxugar as celebracións este mes dos días internacionais do libro (23 de abril) e da danza (29 de abril). De entrada libre ata completar o aforo, o relatorio ofrecerá un percorrido pola historia da danza a través da visión que das artes do movemento e da súa evolución ofreceron pensadores e escritores de todos os tempos.
RECIBÍRONSE MÁIS DE 140 SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROCESO DE SELECCIÓN DO CORPO DE BAILE DA PRODUCIÓN "ETHERIA. A VIAXE SOÑADA", QUE DIRIXIRÁ MERCEDES SUÁREZ
[26/03/2010]
Un total de 72 bailaríns e bailarinas procedentes de diferentes países de Europa e América participarán dende o vindeiro luns 29 de marzo nas audicións que o Centro Coreográfico Galego desenvolverá na sede do Complexo Deportivo de Elviña da Coruña para seleccionar as 12 prazas do corpo de baile do seu próximo espectáculo, Etheria. A viaxe soñada, baixo a dirección da coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez.
< Anteriores 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50