[29/09/2009] Os creadores Víctor Zambrana e Carolina Fernández rematan mañá día 30 as súas respectivas residencias artísticas no Centro Coreográfico Galego cunha mostra aberta ao público dos traballos escénicos resultantes: Tres e Arquitecturas interiores, respectivamente. Esta primeira toma de contacto cos espectadores celebrarase a partir das 20.30 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, espazo que durante este mes de setembro acolleu ambos procesos creativos. Tralas presentacións, abrirase un coloquio entre os artistas e os asistentes para afondar nos distintos aspectos das súas propostas.
[30/07/2009]
O Centro Coreográfico Galego inaugura mañá venres 31 de xullo o programa cultural "O Jofre fóra de si" do Concello de Ferrol coa posta en escena na praza de Amboaxe da peza La 8, resultado da investigación ideada e dirixida polo coreógrafo Erick Jiménez. Trece bailarinas e bailaríns interpretan esta acción coreográfica, que dará comezo ás 20.30 horas na confluencia das rúas Dolores e Sánchez Barcaiztegui.
La 8 en YouTube.
[27/07/2009]
A sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña (Complexo Deportivo de Elviña) acollerá o vindeiro xoves 30 de xullo, ás 16.00 horas, unha mostra aberta ao público da peza de investigación coreográfica Kyra, realizada por Kirenia Martínez co apoio e produción do CCG. Trala presentación, abrirase un debate entre a artista e os asistentes.
[24/07/2009]
Os xardíns de Méndez Núñez da Coruña serán o escenario o vindeiro domingo 26 de xullo, a partir das 19.30 horas, da posta en escena da peza La 8, resultado da investigación que o bailarín e coreógrafo Erick Jiménez ideou e dirixiu para o Centro Coreográfico Galego. Trece bailarinas e bailaríns e as pandereteiras de Xacarandaina interpretan este traballo, que se exhibirá nas inmediacións do Kiosco Alfonso en colaboración co Concello da Coruña.
La 8 en YouTube.
[09/07/2009]
A bailarina e coreógrafa galega Mercé de Rande amosará mañá en Vigo diante doutros profesionais da danza o proxecto titulado Mar, Fento e Cemento , realizado como artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG). A presentación, que se desenvolverá na Sala Ensalle a partir das 18:00 horas, consistirá na exhibición do proceso creativo realizado e nun coloquio posterior entre a artista e o público asistente.
< Anteriores 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50