[08/04/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) congregou un total de 14.749 persoas nas máis de 290 accións artísticas e formativas que organizou durante a pasada temporada, segundo se recolle no Informe de actividade 07-08 que acaba de publicar a unidade de danza da AGADIC. Neste período, o CCG produciu e exhibiu a peza Kiosco das almas perdidas, desenvolveu tres coproducións, apoiou oito proxectos a través do programa Artistas en Residencia e promoveu 233 accións formativas para público e profesionais.
POSTA EN MARCHA XUNTO COA UNIVERSIDADE DE ALCALÁ E O MERCAT DE LES FLORS, CONSTARÁ DE 10 VOLUMES CON VERSIÓNS EN GALEGO, CATALÁN E CASTELÁN[31/03/2009] O Centro Coreográfico Galego, a Universidade de Alcalá (Madrid) e o Mercat de les Flors (Barcelona) acaban de poñer en marcha Corpo de letra: danza e pensamento, unha colección editorial pioneira no ámbito da teoría da danza contemporánea que se inaugura coa publicación de O esgotamento da danza. Performance e a política do movemento, do antropólogo e dramaturgo de orixe brasileira André Lepecki.
[27/03/2009] Giseliña, a nova produción do Centro Coreográfico Galego (CCG) que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura, asinada por Cisco Aznar, obtivo un importante éxito de público nas dúas funcións que ofreceu esta semana nas cidades marroquís de Rabat e Tetuán, rexistrando en ambos casos unha ocupación do 80 por cento do aforo. A través dun acordo co Instituto Cervantes, a entidade da Consellaría de Cultura actuou onte no Teatro Español de Tetuán, un dos máis importantes da cidade, e o pasado martes na capital de Marrocos no marco da 1ª Bienal de Teatro Internacional, na que están a participar compañías de Francia, Suíza, España, Italia, Alxeria, Tunisia, Arabia Saudí, Palestina, Xeorxia e Turquía.
[23/03/2009]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta mañá 24 de marzo ás 20.00 h no Teatro Mohamed V de Rabat e o xoves día 26 ás 19.00 h no Teatro Español de Tetuán o seu espectáculo Giseliña, que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura e que dirixiu o coreógrafo catalán asentado en Suíza Cisco Aznar. As dúas funcións que terán lugar en Marrocos son posibles a través dun acordo acadado co Instituto Cervantes, do Goberno de España, para a difusión da danza actual no ámbito internacional. No mesmo acordo insírese unha terceira representación da peza en Amán (Xordania) o vindeiro 27 de abril.
[18/03/2009]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta Giseliña o sábado 21 de marzo ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Cangas, as entradas estarán a venda no despacho de billetes deste espazo cultural o mesmo día da función en horario de 18.30 a 20.30 horas e os días previos á función no teléfono 902 504 500 ou a través da web www.servinova.com.
A nova produción do CCG, que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura, está dirixida polo coreógrafo Cisco Aznar e coproducida xunto ao teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia. Giseliña, que se estreou o pasado 7 de marzo no teatro Rosalia Castro da Coruña, poderá verse en distintos teatros galegos, viaxará a outros escenarios da xeografía española e se exhibira tamén en Marrocos (nas cidades de Rabat e Tetuán) e Xordania (en Amann).
Giseliña constitúe a terceira produción da historia do CCG. Despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, a proposta que protagoniza a temporada 2009 chega da man do creador catalán asentado en Suíza Cisco Aznar, quen asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña.
Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.
< Anteriores 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51