AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



A peza


ETHERIA, A VIAXE SOÑADA
de Mercedes Suárez

Etheria, a viaxe soñada, da directora e coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez, relata o regreso a Galicia dunha figura histórica galega, Etheria, despois dunha longa peregrinación que nos séculos IV ou V d.C. a levou a Xerusalén a través de Europa Meridional e Oriente Próximo. Muller culta e pertencente ás castas nobres, Etheria inicia a súa viaxe levada pola súa fe e polas súas crenzas nas máximas do Prisicilianismo. Da súa odisea apenas quedan referencias documentadas, converténdose así a súa historia en mito.

A Etheria de Mercedes Suárez amósase coas características que definiron á personaxe e o seu contexto, coa súa forza na fe e co seu carácter incisivo, para transcender as referencias históricas e realizar unha representación de carácter atemporal, onde se pon de manifesto a importancia da viaxe como medio en si mesmo e como vía de coñecemento interior das propias persoas.

Seguindo a estética dos relatos de grandes viaxes na historia da humanidade e da mitoloxía, non pasan desapercibidas as alusións a Ulises e o seu regreso a Ítaca. A odisea de Etheria no seu regreso a Galicia represéntase a través dunha coreografía dinámica, cun acompañamento musical que marca o ritmo de cada escena e do seu relato; e cun tratamento estético que afonda nas inquietudes vitais dos personaxes protagonistas e no propio acto da peregrinación.

O resultado é unha obra inspirada na historia e na mitoloxía, pero que reproduce motivacións actuais e universais, onde o espectador recoñecerá contextos e convencións que lle resultarán familiares. Unha peza inclasificable e accesible que relata a historia das peregrinación a través dunha das primeiras peregrinacións do mundo, a de Etheria.
Etheria

Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais