AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



A peza


QUEBRANOCES

O argumento

Quebranoces, adaptación de Alejandro Dumas sobre o conto orixinal de Hoffman, sitúa ao espectador na celebración da festa de Nadal na casa da familia de Clara, que se enche de maxia cando recibe por sorpresa o agasallo dun quebranoces con forma de soldado que lle trae o seu padriño Drossenmeyer. A ledicia de Clara entúrbase cando o seu irmán, nun ataque de celos, esnaquiza o xoguete.

Porén, durante a noite, a imaxinación da nena dá vida ao boneco que se converte en defensor diante dun exército de ratos, capitaneado polo seu rei e un amigo, co que ha vivir doces aventuras.

A forma

No aspecto formal, o Quebranoces achega unha visón novedosa e moi especial dun dos ballets máis representados da historia -sobre todo na época do Nadal- mediante a incorporación en todos os seus elementos icónicos de símbolos e trazos relacionados co imaxinario galego máis recoñecible. Así, unha escenografía inspirada en ventás e galerías de cor branca, un vestiario que recorda ás míticas figuras de Sargadelos ou un exército de soldados cuxa indumentaria nos traslada aos personaxes máis populares do Entroido ourensán forman parte da posta en escena.

A danza

A versión do Centro Coreográfico Galego dá tanta liberdade á estética do espectáculo como imbúe de respecto rigoroso aos canons todo o tocante á interpretación, que leva a cabo dentro do máis puro estilo de ballet clásico.

Á fronte desta interpretación sitúanse cinco bailaríns profesionais, que dan vida os case que 20 personaxes que interveñen co seu baile neste conto de fadas e que recrean as melodías máis recoñecibles da peza, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre.

Xunto a eles, bailarán os nenos e nenas seleccionados para o proxecto durante o pasado ano nos distintos centros de danza de Galicia, cos que se realizaron grupos e quendas cara á súa intervención nas representacións que se leven a cabo nas localidades máis próximas ás súas de orixe.
Cartaz do Quebranoces

Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais