AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



A peza


TRADICCIÓN, Nova Galega de Danza

Despois de dous espectáculos nos que Nova Galega de Danza sorprendeu ao público cunha nova linguaxe, coreográfica e musical, descoñecida para el, agora con TRADICCIÓN, pretende sorprendelo de novo utilizando, desta volta, os elementos que conforman o seu propio imaxinario colectivo.

A reinterpretación da tradición é un motivo recorrente ate a saciedade nas propostas artísticas do país, pero por esa mesma razón NGD considera un reto reinventar a perspectiva coa que se aborda. Máis aínda cando a súa experiencia lles amosa que eses elementos son os que máis fan aumentar a presión arterial e o pulso cardíaco do espectador.

Para elo é preciso enfocar o traballo dende un punto de vista radical, indo á raíz, á danza prima, evitando ao máximo as deturpacións folcloristas. Posiblemente partindo de aí estaremos máis preto da contemporaneidade.

Terra, percusión, madeira, vento, forza, pobo, movemento, pel, destreza, virtuosismo.

A proposta complétase cun novo deseño escenográfico, rupturista e sorprendente, e coa participación de profesionais doutras disciplinas artísticas que fan de TRADICCIÓN algo máis que un espectáculo de danza e música.

TRADICCIÓN

Míraos ben, porque non están sós no escenario… traen con eles un país enteiro que leva séculos bailando. Son a terra removéndose se a terra fose outra cousa. Son os desprexuizados. O seu valor improvisou unha innovación baixo a monotonía máis descarada. Hai necesidades que berran, e a ver quen está aí para escoitalas.

E había que encher un oco. Había que respetar a tradición tirándolle das orellas, explicándolle que "contemporáneo" foi sempre todo.

A pequena Babel onde se entenden coa danza.

É precioso como se moven…

Comprenden que a linguaxe do corpo, ainda cando se fai artificio, é bastante máis veraz que a fala, que a escrita. Non hai máscara do tamaño dunha intención.

A idea execútase impecable. Trátase de "aproveitalo todo" para logo tirar do filtro da elegancia, do desfrute máximo que aporta contar coas fórmulas dos antergos e poñerlle a guinda da reinterpretación. É o efectivo discurso das cousas que están ben feitas.

Resulta imposible explicar se chegou antes a música ou o baile. Danse a man as dúas disciplinas dun xeito inseparable, fiel.

Asistimos á expresión máis delicada e feliz do movemento. A sa adicción de quen non quere parar de beber da fonte da vida.

O traxe da autodeterminación.

É precioso como se moven…

Botan raíces uns nos outros. Teñen cervos dentro movidos polo vento.

Sorrín cara nós sen rixidez coa alegría do adicto saciado. Sábense fermosos.

Súan para que desfrutemos.


Lucía Aldao
Tradicción

Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais