AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Profesionais e estudantes



Obradorios / Seminarios-XULLO 2012

Obradoiros de danza clásica e contemporánea

[09/07/2012 - 27/07/2012]
Programa formativo de verán con Luciano Gómez, Déborah Alfaya, Raquel González, Armando Martén, David Loira, Hervé Ilari, Paula de Castro e Mercedes Suárez

DATAS E HORARIOS DOS TALLERES:

-Do luns 9 ao venres 13 de xullo
10.00-11.30 horas
Danza clásica con LUCIANO GÓMEZ

11.30-12.00 horas
Puntas con DÉBORAH ALFAYA
(clases engadidas ás de danza clásica como sesións complementarias)

12.00-14.00 horas
Danza contemporánea con RAQUEL GONZÁLEZ

15.00-17.00 horas
Danza contemporánea con ARMANDO MARTÉN

-Do luns 16 ao venres 20 de xullo
10.00-12.00 horas
Danza contemporánea con DAVID LOIRA

12.00-13.30 horas
Danza clásica con HERVÉ ILARI

13.30-15.00 horas
Pas de deux con HERVÉ ILARI E PAULA DE CASTRO

-Do luns 23 ao venres 27 de xullo, agás o día 25
10.00-11.30 e 11.30-12.00 horas
Danza clásica e puntas con MERECEDES SUÁREZ

LUGAR:
Centro Coreográfico Galego (Complexo Deportivo de Elviña. A Coruña)

NÚMERO DE PRAZAS:
Media aproximada de entre 25 e 30 prazas por clase

PREZO DA MATRÍCULA:
-Taller: 90 euros (100 euros o taller de danza clásica da 2ª semana máis a clase de pax de deus)
-Semana de clases: 175 euros
-Dúas semanas de clases: 300 euros
-Clase solta: 15 euros

INSCRICIÓNS: Os/as interesados/as deben cubrir a solicitude de matrícula que se xunta como documentación e remitila por correo electrónico a: formacion.ccg@xunta.es / actividades.ccg@xunta.es

Profesorado
___________________________________________________________

LUCIANO GÓMEZ
Luciano Gómez estudou cos mestres Carmen Roche, Víctor Ullate e Dolores Laga na escola Mudra de Bruxelas, dirixida por Maurice Béjart.

Desenvolve a súa carreira profesional durante 11 anos en EE.UU. co Hartford Ballet, dirixido por Fleming Flindt, e o Tulsa Ballet, dirixido por Roman Jasinsky e M. Larkin.

Como solista e bailarín pricipal interpretou papeis do repertorio clásico, neoclásico e contemporáneo.

Na actualidade dirixe o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, labor que compaxina con cursos e conferencias sobre a danza clásica.

DÉBORAH ALFAYA GOTTSCHALK
Nacida en Alemaña, comeza os seus estudos de danza clásica en Vigo aos 9 anos de idade da man da súa nai, Hannelore Gottschalk. No ano 1978 trasládase a Madrid para continuar os seus estudos con Eva Borg, e baixo a súa dirección comeza a actuar en público. Traballa, entre outros, con profesores como Carmina Ocaña, Emilio Ares ou Guillermina Coll.

Como bolseira da Compañía Nacional de Danza, dirixida por Víctor Ullate, continúa ampliando os seus estudos con Carmina Ocaña, Carmen Roche ou Lolita de Ávila.

Remata a carreira de danza en 1984, ao tempo que continúa formando parte da CND, onde interpreta coreografías de Víctor Ullate e de coreógrafos convidados, como Uwe Scholz, Olivier Perriguey, Mary Maguen, Gene Hill ou reposicións de Maurice Béjart.

En 1985 abandona a súa actividade como bailarina e comeza en Vigo a súa traxectoria como docente xunto coa súa nai. Ademais do traballo na súas dúas escolas na provincia de Pontevedra, imparte clases maxistrais como profesora convidada, coa danza clásica e o traballo coas puntas como especialidade.

RAQUEL GONZÁLEZ
Titulada en Danza Clásica pola Real Escola Superior de Danza de Madrid, tras una bolsa de estudos da Fundación Pedro Barrié de la Maza obtén o título superior en Danza Contemporánea da Rotterdamse Dansacademie de Holanda.

A súa traxectoria profesional comenza en Galicia como membro da Compañía Druída baixo a dirección de Mercedes Suárez Rodríguez. Posteriormente colabora co grupo Club Guy&roni (Holanda/Israel) e traballa como intérprete en diferentes compañías francesas: Actuel, C-Yoshi-M, o Centro Coreográfico Nacional de Roubaix/Nord-pas-de-Calais e a Compañía Maryse Delente.

En 2007 presenta a súa primeira coreografía e funda QUARKS, que da nome a un proxecto propio de investigación e creación coreográfica que continúa na actualidade xunto coa súa labor docente no departamento de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

ARMANDO MARTÉN
Nado en Santiago de Cuba, estuda na Escola Nacional de Artes da Habana e no ano 1990 obtén o título de primeiro bailarín de danza contemporánea da Compañía Nacional de Danza de Cuba, na cal permaneceu ata 2001.

Ese ano trasládase á Coruña, e entra a formar parte da Compañía Druida Danza. Nese mesmo ano gaña o III premio do Certame Coreográfico de Madrid por Trespasando. No ano 2003 gaña o III premio do Certame Coreográfico de Galicia por Era con coreografía de Bárbara Monteagudo e entre os anos 2004 e 2007 forma parte da compañía Experimentadanza da Coruña.

Nos anos 2005 e 2006 gaña o I premio do Certame Coreográfico de Madrid, o II premio do Certame Coreográfico de Galicia, o I premio do IV Certame de Creación Coreográfica de Galicia e o I premio do Certame Internacional de Coreografía de Burgos.

Xunto cos bailaríns Kirenia Martínes, Beatriz Pérez e Alexis Fernández crea no ano 2006 a compañía de danza Entremans, e codirixe con Alexis Fernández o festival de danza en paisaxes urbanos Empape da Coruña. É profesor de Danza no Conservatorio Profesional de Danza da Deputación coruñesa.

DAVID LOIRA GARCÍA
Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de A Coruña, en 2003 recibe una bolsa para realizar o "One year certificate of higher education in contemporary dance" na London Contemporary Dance School.

Dende entón, ten creando pezas e representándoas como intérprete en festivais e programacións nacionais e internacionais, colaborando con diferentes compañías.

No ano 2007 recibe o Primeiro Premio do Certame Coreográfico de Madrid coa obra "No intre 1800". No verán dese mesmo ano crea a súa propia compañía, DLoira, coa que estrea unha primeira montaxe en solitario, "Over the rainbow", da que en decembro de 2008 representa un fragmento no Certame Coreográfico de Madrid.

No ano 2010 crea a súa segunda peza, "Macho", apoiada polo Centro Coreográfico Galego a través dunha residencia artística e enmarcada dentro das pasantías organizadas por Malqueridas, plataforma de investigación e desenvolvemento (I+D) de novos formatos artísticos arredor da linguaxe do corpo e do movemento, na sala La Caldera de Barcelona.

Como docente ten impartido seminarios e cursos de movemento e danza nas universidades de Pontevedra e A Coruña, na universidade de Legon (Ghana - África), na escola de circo Circonove e, na actualidade, na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto de Santiago de Compostela.

HERVÉ ILARI
Nado en Cannes (Francia), comeza os seus estudos de ballet aos sete anos en varios conservatorios, onde aprende diferentes técnicas de danza (Bournonville, Vaganova, Cechetti, danza moderna, jazz, etc). Aos 16 anos obtén o seu primeiro contrato co Ballet du Capitôle de Toulouse e a partir de 1999 forma parte do Ballet da Ópera de Niza.

Máis tarde foi contratado durante dúas tempadas por Germinal Casado en Karlsruhe (Alemaña). Aos 21 anos é nomeado bailarín solista e a continuación bailarín principal no Ballet do Teatro de Monchengladbach (Alemaña). Participou como bailarín convidado en numerosas galas en EE.UU., Italia, Hungría, Exipto, Francia, Portugal, Alemaña...

Interpretou os papeis principais en ballets como "Romeo e Xulieta", "Coppélia", "O crebanoces", "O Corsario", "La fille mal gardée", "La Bayadère", "A bela durminte", "Giselle", etc. e en coreografías de George Balanchine, Germinal Casado, Heidrun Schwaarz, Nils Christe, Youri Vamos, Mauricio Wainrot, Marc Ribaud, Eleonora Gori e Patrice Bart, entre outros.

En setembro de 2002 obtén o Diplôme d’Etat de Professeur de Danse do Ministerio de Cultura francés e, na actualidade, compaxina a súa actividade pedagóxica e artística cos estudos de osteopatía.

PAULA DE CASTRO
Primeira bailarina do Ballet de l’Opéra de Nice dende o ano 2004, comezou os seus estudos de danza clásica na súa cidade natal, Ferrol, da man de Marigel Fernández e Celia López, continuándoos na escola Druída con Mercedes Suárez.

Bolseira pola Xunta de Galicia, trasládase a Nova York para estudar na Martha Graham School e na Joffrey Ballet School, entre outras escolas. De volta en Europa, foi seleccionada para ingresar na escola Rudra-Béjart Laussanne.

Bailou en Alemaña co Staatstheater Wiesbaden, interpretando entre outras coreografías "La silphide" ou "Les trois mousquetaires". Tamén formou parte do Ballet Nacional de Portugal, onde puxo en escena coreografías de Balanchine ou "A dama das camelias", creada para ela por M. Balkan.

No ano 2007 recibe do Ministerio de Cultura francés a "Dispense du Diplôme dEtat de Proffesseur de Danse par Renommée Particuliére".

MERCEDES SUÁREZ
Nada na Agualada, no concello coruñés de Coristanco, Mercedes Suárez é titulada superior en Danza polo Real Conservatorio de Danza de Madrid, e en Anatomía e Biomecánica aplicada á danza pola Universidade de Alcalá de Henares.

Inicia a súa formación artística a partir de 1968 con notables mestres de danza clásica e contemporánea en distintos lugares do mundo: con Carmen Ocaña, Emilia Ardanuy e Karen Taft, en Madrid; con Irina Grjvina en París; con Víctor Ullate, Emilio Altés e Mme. Periphanos, en Bruxelas; con Nina Virubova, en Girona; con Marica Besobrasova, en Mónaco; con José Parés, en Caracas; e con Valentina Gabanilova, en San Petersburgo. Nestes tres últimos destinos, foi bolseira da Xunta de Galicia.

Como bailarina, Mercedes Suárez inicia a súa carreira en 1973 no Ballet Clásico de Madrid dirixido por Eva Borg. En 1976 trasládase ao Ballet de Versailles (Francia), onde traballa como bailarina e axudante de coreografía.

Como directora da compañía Druida Danza, fundada en 1981 na Coruña, asina a coreografía e dirección de numerosas montaxes en Galicia: Drama de mulleres (1990), A Mari Gaila (1995), Fronda (1998), Cuore (1999), Metamorfosis de F. Kafka (2000), En espera (2001), Lúa amarga (2002), O calar do tempo (2003), A redeira (2004), 20 anos non é nada (2005), Verde transparente (2006) e ABCDanza (2007). Moitos destes espectáculos foron representados, ademais, en escenarios de Portugal, Barcelona, Biscaia, París ou Bucarest.

Algunhas das súas coreografías foron interpretadas tamén por outras compañías, como Ballet do Noroeste (Viana do Castelo), Ballet de Cámara de Alicia Alonso (Madrid) e Ballet Nacional de Santo Domingo (República Dominicana).

Mercedes Suárez foi galardoada con diferentes premios polo seu traballo como coreógrafa. En 1990 recibe o do Certame de Teatro Ciudad de Lugo por Drama de mulleres. O Certame Coreográfico de Galicia outórgalle o terceiro premio por O calar do tempo en 2004 e a mención especial por O anxo exterminador en 2005. En Portugal recibiu o primeiro premio no Certame de Viana do Castelo. Tamén foi galardoada en Madrid no Maratón de Danza, organizado polo Teatro de Madrid.

Na actualidade dirixe o Centro Coreográfico Galego, para o que en 2010 creou e dirixiu o espectáculo Etheria, a viaxe soñada e en 2011 asumiu a dirección artística de 3DTres, con coreografías de Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun. Xunto con este último, creou a peza Aínda, estreada polo CCG en maio de 2012.

Enderezo de inscrición:

Centro Coreográfico Galego
Tel.: 981 134 946 / Fax: 981 138 294
formacion.ccg@xunta.es

Data de inicio - Data de fin:

[10/06/2012 - 27/07/2012]

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais