AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Profesionais e estudantes



Obradorios / Seminarios-DANZA BHARATANATYAM

Curso de Danza Bharatanatyam organizado pola ONG Implicadas no Desenvolvemento

[04/06/2015 - 07/06/2015]
Do 4 ao 7 de xuño na sede do Centro Coreográfico Galego, co bailarín támil Aniruddhan Vasudevan. Completarase coa exhibición dunha peza creada xunto ao alumado no espectáculo que terá lugar no Centro Ágora o domingo 7

O Centro Coreográfico Galego (CCG) e a ONG Implicadas no Desenvolvemento colaboran na organización do Curso de Danza Bharatanatyam (danza clásica do sur da India), que o bailarín támil Aniruddhan Vasudevan impartirá na sede do CCG na Coruña do 4 ao 7 de xuño. O curso completarase coa exhibición da peza que creará xunto aos asistentes ao obradoiro nun espectáculo que terá lugar o domingo 7, ás 20.00 horas, no Centro Ágora da Coruña.

Datas: Do 4 ao 7 de xuño
Horario: De 10.00 a 12.00 h
Lugar: A Coruña. Centro Coreográfico Galego (Complexo Deportivo de Elviña. Praza Agustín Díaz Sánchez, 1).

INSCRICIÓN:
Enviando esta solicitude de matrícula a formacion.ccg@xunta.es.

MATRÍCULA: 15€ (pagamento a través da conta da ONG Implicadas/os no Desenvolvemento, tal e como se indica no formulario de solicitude de matrícula).

NÚMERO MÍNIMO DE ASISTENTES: 10

ANIRUDDHAN VASUDEVAN: Bailarín, escritor e tradutor de Madrás/Chennai (India), Aniruddhan Vasudevan é actualmente estudante de doutorado en Antropoloxía na Universidade de Texas, en Austin (EE.UU.). En decembro de 2013, a prestixiosa editorial Penguin India publicou One Part Woman, a súa tradución ao inglés do novelista támil Perumal Murugan, pola que foi galardoado co Premio de Tradución V.T. Rathnam Translation que outorga o Xardín Literario Támil de Canada, ademais de quedar finalista do prestixioso Raymond Crossword Book Award 2014.

Avezado intérprete de Bharatanatyam (danza clásica do sur da India), ten amosado o seu traballo en actuacións, aulas e obradoiros, así como a través de colaboracións con outros/as artistas ou ben compoñendo novas pezas. A súa formación comezou en 1988 na súa cidade natal, Kumbakonam, da man de Kuttalam M. Selvam na escola de Bharatanatyam Kattumannar Kovil, e máis tarde chegaría a ser alumno do lendario mestre e intérprete Chitra Visweswaran.

O traballo interpretativo de Aniruddhan adoita identificarse co "Brihannala", un rol tirado da épica hindú que combina movemento, contacontos, recital e interpretación teatral, e que á vez abrangue unha reflexión sobre mitoloxía, xénero, travestismo e desexo a varios niveis. Entre outros escenarios, Aniruddhan actuou no Festival de Cine e Escena Queer Eye de San Francisco en agosto do 2011, ou no Centro de Asia do Sur da Universidade de Stanford en novembro de 2014.

Ten traballado con compañías de danza como Dakshina/ Daniel Phoenix Singh Dance Company (Washington, DC), Kuchipudi Kalanidi (Maryland), Courtyard Dancers (Philadelphia) ou a Shree School of Dance (Lexington, Kentucky). Nesta última escola, entre o ano 2010 e o 2011, colaborou con Lakshmi Sriraman para crear And She Said… (E ela dixo…), unha obra baseada na poesía támil de mulleres sobre amor e guerra. Tamén ten impartido aulas no Barnard College da Universidade de Columbia, en Nova York, canda o coñecido estudoso da danza Uttara Coorlawala.

Web: www.aniruddhan.net

-Formulario de solicitude en pdf
-Formulario de solicitude en word
-Espectáculo de danza Aniruddhan Vasudevan no Centro Ágora da Coruña (domingo 7 de xuño, ás 20.00 h)

Enderezo de inscrición:

Centro Coreográfico Galego
Complexo Deportivo de Elviña
Praza Agustín Díaz Sánchez, s/n
15008 A Coruña

Tel.: 981 134 946 / Fax: 981 138 294
Correo electrónico: formacion.ccg@xunta.es

Data de inicio - Data de fin:

[25/05/2015 - 03/06/2015]

< Volver

Aniruddhan Vasudevan

Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais