AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Profesionais e estudantes



Obradorios / Seminarios-PROGRAMA FORMATIVO 2017

Curso de danza contemporánea: técnica e creación artística

[22/05/2017 - 26/05/2017]
Con Beatriz Pérez e Kirenia C. Martínez, da Cía. Entremans

INSCRICIÓNS:
Ata o 12 de maio, enviando o documento de solicitude de matrícula anexo a formacion.ccg@xunta.gal. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

DATAS E LUGAR:
Do 22 ao 26 de maio
Horarios: de 10.00 a 13.00 h
Centro Coreográfico Galego
Complexo Deportivo de Elviña. Praza Agustín Díaz Sánchez, 1.
A Coruña

MATRÍCULA:
50 euros

CONTIDO
Entremans propón combinar a preparación técnica do corpo cun taller de creación artística. Unha posta en común dende dúas individualidades, que cobran un significado no seu conxunto como espazo para compartir e materializar ideas. A danza unha, vez máis, móstrase polivalente, capaz de arroupar dende a técnica e de outorgar liberdade para expresar, elevando a sensibilidade a outro nivel de escoita.

O taller estrutúrase en dúas partes: a primeira, de clase técnica impartida por Ana Beatriz Pérez; e unha segunda, de creación impartida por Kirenia
C. Martínez.

Clase técnica, con Beatriz Pérez
O movemento que xera un corpo vai creando elos tanto a nivel físico como sensorial, concatenándose un co outro ata formar unha cadea orgánica de movementos que se despregan no espazo e onde a técnica xoga un papel fundamental.

A que lle chamamos técnica? Pois non é máis que a depuración no facer, o equilibrio na forma e o control do noso corpo. Mediante este taller achegarémonos ao traballo técnico do corpo, usando materiais
físicos de danza contemporánea que se fusionaron con outras disciplinas na procura dunha linguaxe propia, explorando e explotando desta forma as nosas capacidades.

Creación artística, con Kirenia C. Martínez
Durante as cinco sesións deste curso, traballaranse aspectos esenciais na construción escénica dende a colectividade e o movemento como recurso expresivo:
A interpretación dun personaxe e a súa interacción escénica dentro do grupo.
A acción individual e a reacción do grupo.
O traballo das emocións no presente e os sentimentos escénicos.
A intervención grupal nunha tarefa escénica e o resultado.

BEATRIZ PÉREZ
Graduada pola Escola Nacional de Artes da Habana (Cuba) na especialidade de danza moderna e folclórica (1984-1991), durante 10 anos foi integrante da Compañía de Danza Contemporánea de Cuba, onde chegou a ser primeira bailarina e coa que participou en varios festivais nacionais e internacionais, así como en diversas xiras artísticas por América e Europa.

En 2001 trasládase a España, onde vive desde entón, compaxinando o seu traballo como integrante da Cía. Entremans con labores formativos no Centro de Danza e Teatro Artestudio da Coruña e, dende 2013, na Escola Municipal de Danza de Oleiros (A Coruña).

Tamén desenvolveu a súa faceta docente en talleres de danza da Universidade de Pontevedra, clases regulares para a compañía Nova Galega de Danza e obradoiros de danza e creación na República Checa e Brasil, ademais de colaborar coa Fundación Barrié en programas educativos. Imparte clases de introdución á danza para Educación Infantil no Colexio Fogar Santa Margarida.

Participou en tres das producións do Centro Coreográfico Galego e ten sido recoñecida en varios concursos de coreografía.

KIRENIA C. MARTÍNEZ
Graduada en Actuación pola Escola Nacional de Artes da Habana no ano 2000, ao ano seguinte obtén o título de primeira bailarina na Compañía Danza-Teatro Retazos. Nesta formación, permaneceu cinco anos como bailarina e organizadora do Festival Internacional de Danza Habana Vieja Ciudad en Movimiento.

En 2003 trasládase a España comezando unha nova etapa na súa traxectoria artística xunto ao bailarín e coreógrafo Alexis Fernández. En 2006 fundan xunto a Beatriz Pérez, Estefania Vázquez e Armando Martén a Cía. Entremans, da que continúa a ser parte como codirectora, coreógrafa e bailarina.

Alterna o seu traballo de bailarina e de investigación coreográfica con asistencias de dirección e coreografía para varias compañías profesionais galegas de danza e teatro. Por outra banda, realiza colaboracións con artistas plásticos, fotógrafos e deseñadores de moda. Tamén participou como bailarina en dúas das primeiras producións do Centro Coreográfico Galego (2005 e 2008) e, posteriormente, como coreógrafa convidada (2009).

En canto á súa faceta docente, colabora co centro Artestudio da Coruña e imparte clases e talleres de danza en varios centros e institucións como a Casa das Campás da Universidade de Pontevedra, o Centro Coreográfico Galego, A Gerard Collins de Valencia, o Conservatorio de Danza de Lugo ou a Universidade de Artes de Ecuador, entre outros.

Formou parte da organización do Festival Internacional de Danza en Paisaxes Urbanas Empape da Coruña e encargouse da codirección artística de Quincegotas, festival de danza na rúa da Coruña.

Enderezo de inscrición:

Centro Coreográfico Galego
formacion.ccg@xunta.gal

Data de inicio - Data de fin:

[11/04/2017 - 12/05/2017]

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais