AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Artistas en Residencia: convocatoria 2009

Artistas en Residencia é un programa da AGADIC xestionado polo Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego que ten como finalidade apoiar a artistas ou colectivos artísticos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación nos ámbitos do teatro, escrita teatral, circo, danza, e outras artes do movemento e a artistas que, dende outras disciplinas artísticas, traballen coa danza, o teatro, o circo ou as artes do movemento como referencia.

O programa Artistas en Residencia pretende ofrecer aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación artística provocando o intercambio entre artistas e entre disciplinas artísticas.

DIRIXIDO A
Creadores individuais ou colectivos de artistas que precisen espazo e tempo para realizar un traballo tanto de investigación como de creación.

Poderán presentarse ao programa persoas físicas (individuais ou colectivos) ou xurídicas maiores de 18 anos que non presenten débedas coa administración. Quedarán excluídos do ámbito obxectivo desta modalidade o persoal funcionario e laboral da AGADIC e da Consellaría de Cultura e Deporte.

TIPOS DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
1. Residencia coa finalidade de realizar un proxecto artístico
A AGADIC a través do CCG e do CDG poñerá a disposición do artista ou colectivo un espazo e os medios técnicos e humanos cos que conta ese espazo onde poder desenvolver o traballo creativo.Catro semanas serán para o traballo de creación e unha semana, a quinta, para a realización dunha residencia técnica cos medios técnicos e humanos dos que dispón o espazo.

Duración: 5 semanas

2. Residencia-laboratorio
A utilización dun espazo e dos medios técnicos e humanos cos que conta ese espazo para levar a cabo un proceso de investigación que non ten por que levar a un resultado artístico. Trátase de poder ofrecer un espazo e un tempo de pescuda, reflexión e investigación.

Duración: 4 semanas

DOTACIÓN ECONÓMICA
As axudas económicas para o desenvolvemento dos proxectos serán dun máximo de 5.000 euros e dun mínimo de 1.000 euros por proxecto.

O modo de pagamento realizarase: un 80% ao inicio da residencia artística e o 20% restante no momento de presentación da Memoria do Proceso de Residencia. As achegas económicas serán adxudicadas en función do proxecto.

A AGADIC poñerá a disposición dos artistas en residencia:
-Acompañamento na produción
-Acompañamento artístico
-Apoio técnico (cos medios técnicos dos que dispoña o espazo de traballo)
-Dotación económica (entre 1.000 e 5.000 euros dependendo do proxecto).

OS ARTISTAS DEBERÁN
-Os artistas ou proxectos en residencia deberán desenvolver algunha acción formativa relacionada co proxecto da residencia ou ben para profesionais ou ben para a cidadanía.

-Ao final da residencia os artistas deberán amosar o traballo
realizado nunha mostra na que explicarán o seu proceso de creación.

-Cumprir na súa totalidade o período para o que lle foi adxudicada a residencia.

-Xestionar a cantidade económica adxudicada para a residencia, isto implica: viaxes, estancia do equipo artístico e gastos de produción da peza artística e todos aqueles gastos derivados do período de residencia.

SOLICITUDES
Para solicitar unha residencia é preciso cubrir e asinar a ficha que se insire no pdf anexo (Programa Artistas en Residencia 2008-2009) e enviala xunto coa documentación ao Centro Coreográfico Galego por: mail (documentacion.ccg@xunta.es), por fax (981 13 82 94) ou por correo postal (Centro Coreográfico Galego, Complexo Polideportivo de Elviña, Avda. de Glasgow, 11, 15008 A Coruña). Indicando: "Programa ARTISTAS EN RESIDENCIA".

Documentación requirida:
-Memoria explicativa do proxecto onde se determinará a finalidade, os obxectivos, contidos, metodoloxía de traballo e todos aqueles datos artísticos que se consideren de interese. (Máximo 10 folios). No caso de enviar por correo postal non mandar a memoria encadernada.

-Currículo do/dos solicitante/es indicando os estudos realizados, actividades profesionais desempeñadas e, en xeral, canta documentación considere representativa da súa formación.

-Carta explicativa dos motivos de solicitude da residencia e os intereses da mesma dentro do proceso de traballo.

-Fotocopia do DNI, NIF ou pasaporte do solicitante.

-Lugar e datas preferentes para a realización da RESIDENCIA, tipo de residencia.

(Non enviar material audiovisual)

SELECCIÓN
Serán seleccionados un máximo de 15 proxectos por ano e a selección dos mesmos farase pública na web da AGADIC, do CCG e do CDG e nos taboleiros de anuncios da AGADIC, CCG e CDG o día 15 de xaneiro de 2009.
Prazo: 04/11/2008 - 04/12/2008
Documentos relacionados

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais