AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Axudas da AGADIC ao sector audiovisual: convocatorias 2009

A Axencia Galega das Industrias Culturais fai públicas as seguintes convocatorias de axudas ao sector audiovisual:

-SUBVENCIÓNS PARA A AMORTIZACIÓN DOS CUSTOS DE PRODUCIÓN DE LONGAMETRAXES CINEMATOGRÁFICAS, TELEFILMES E DOCUMENTAIS DE INTERESE CULTURAL GALEGO: DOG nº 61, de 30 de marzo de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 15 de outubro.

A partida orzamentaria para estas axudas é de 600.000 euros para a anualidade de 2009.

Esta liña de subvencións de concesión automática aplicarase a proxectos audiovisuais que fosen obxecto de estrea comercial ou venda en televisións en aberto, ou pechado de ámbito igual ou superior ao autonómico, por importe non inferior a 80.000 euros, desde o 1 de xaneiro de 2008 ata o 30 de outubro de 2009 e que non recibisen axudas anticipadas da Consellería de Cultura e Deporte polo mesmo concepto.

Poderán ser obxecto destas axudas os seguintes tipos de proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas:
-Longametraxes cinematográficas (ficción ou documental)
-Longametraxes de animación

b) Telefilmes. Longametraxes para TV cunha duración superior aos 80 minutos.

Os proxectos deberán cumprir, cando menos, dúas das seguintes condicións ou criterios culturais:
a) Que a produción se desenvolva principalmente en Galicia ou noutros lugares da Unión Europea.

b) Que cando menos un dos personaxes principais estea vinculado coa cultura galega ou europea ou co ámbito territorial lingüístico galego.

c) Que o guión da produción estea baseado nunha adaptación dunha obra literaria, escrita orixinariamente en lingua galega.

d) Que a produción teña como temática a cultura ou o patrimonio galego ou europeo.

e) Que a produción teña como temática feitos da historia de Galicia ou Europa.

f) Que a produción trate temas actuais, culturais, políticos ou sociais, de interese galego ou europeo.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG
________

-SUBVENCIÓNS PARA PRODUCIÓNS OU COPRODUCIÓNS AUDIOVISUAIS EN LINGUA GALEGA CON DECIDIDO CONTIDO ARTÍSTICO E CULTURAL: DOG nº 33, de 17 de febreiro de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 17 de marzo.

A contía destinada a estás subvencións, que só poden solicitar produtoras independentes, é de 4.850.000 euros, dos cales 1.100.000 euros corresponden a 2009, 1.200.000 euros a 2010, 1.250.000 a 2011 e 1.300.00 ao ano 2012. O prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 e outubro de cada ano.

Existen tres tipos de axudas:
1. Longametraxes
Modalidade A : Longametraxes cinematográficas (animación e ficción)
Modalidade B : Operas primas ou segunda longametraxe
Modalidade C: Telefilmes para TV

2. Longametraxes documentais
Modalidade A: Documentais de creación
Modalidade B: Documentais de difusión cultural

3. Longametraxes dixitais de baixo orzamento

Só se poderán presentar tres proxectos por produtora en toda a convocatoria e non se poderán conceder máis de dous por modalidade. Na avaliación de cada proxecto, teranse en conta criterios como a contribución cultural, a contribución creativa, a utilización de recursos galegos e a viabilidade do proxecto.

O investimento subvencionable é:
-Longametraxes, modalidade A: 35% do importe subvencionable, cun máximo de 300.000 euros, ou 40% se as longametraxes están rodadas en galego.
-Longametraxes, modalidade B: 50% do importe subvencionable, cun máximo de 300.000 euros.
-Longametraxes, modalidade C: 40% do importe subvencionable, cun máximo de 150.000 euros.
-Longametraxes dixitais, documentais de creación: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 60.000 euros
-Longametraxes dixitais, documentais de difusión cultural: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 50.000 euros.

Nesta convocatoria introdúcense novidades no que atinxe á xustificación das axudas, así como á incorporación da capitalización do traballo ou amortizacións de instalacións e bens de equipo.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG

Corrección de erros: DOG nº 61, de 30 de marzo de 2009.
________

-SUBVENCIÓNS DE CREACIÓN AUDIOVISUAL PARA O DESENVOLVEMENTO E PROMOCIÓN DO TALENTO AUDIOVISUAL GALEGO: DOG nº 33, de 17 de febreiro de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 17 de marzo.

A contía destinada a estas subvencións é de 400.000 euros para o ano 2009. O prazo de xustificación das subvencións rematará o 31 de outubro.

Existen catro modalidades:
A. Escrita de guión (máximo 12.000 euros)
B. Curtametraxes en soporte dixital (máximo 6.000 euros)
C. Curtametraxes experimentais (máximo 10.000 euros)
D. Longametraxes en soporte dixital (máximo 30.000 euros)

A comisión de valoración terá en conta a calidade, a mirada propia, a viabilidade e a traxectoria do solicitante.

Todos os proxectos que se presenten nesta convocatoria deberán intentar adaptarse o máximo posible ao espírito da mesma, que é o de evidenciar a singularidade creativa e as tendencias anovadoras nos códigos narrativos para detectar a plusvalía do talento dos creadores individuais.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG

Corrección de erros: DOG nº 54, de 18 de marzo de 2009.
________

-SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS EN LINGUA GALEGA: DOG nº 34, de 18 de febreiro de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 18 de marzo.

A contía destinada a estás subvencións é de 500.000 euros, dos cales 250.000 corresponden ao ano 2009 e outros 250.000 ao ano 2010. O prazo para xustificar as subvencións finalizará o 31 de outubro de cada anualidade.

Poden solicitarse estas subvencións para os seguintes tipos de proxectos: longametraxes de ficción, longametraxes documentais, películas para televisión, formatos innovadores para televisión, pilotos de series de animación para televisión.

O importe máximo de subvención non poderá superar o 50% do investimento subvencionable e, en todo caso, a cantidade de 30.000 euros. Na convocatoria introdúcense importantes novidades relacionadas coa xustificación das anualidades.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG
________

-SUBVENCIÓNS PARA A PRODUCIÓN DE CURTAMETRAXES EN VERSIÓN ORIXINAL EN LINGUA GALEGA, ASÍ COMO DE VIDEOCLIPS: DOG nº 34, de 18 de febreiro de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 18 de marzo.

A contía total destinada a estás subvencións é de 200.000 euros. O prazo de xustificación da realización da actividade subvencionada finalizará o 31 e outubro de cada ano; e para a entrega das copias definitivas, o 31 de decembro.

Existen catro modalidades de axudas:

A. Curtametraxes en soporte dixital: axuda máxima de 15.000 euros.
B. Curtametraxes de animación en soporte cinematográfico: contía máxima de 30.000 euros.
C. Curtametraxes en soporte dixital, innovadoras ou experimentais: axuda máxima de 10.000 euros.
D. Videoclips: axuda máxima de 6.000 euros.

En todo caso, a axuda non poderá superar o 60% do orzamento total do proxecto.

Nesta convocatoria introdúcense novidades relacionadas coa xustificación das axudas, así como coa incorporación da capitalización do traballo ou amortizacións de instalacións e bens de equipo.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG
________

-SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO E PRODUCIÓN DE CONTIDOS INTERACTIVOS EN LINGUA GALEGA: DOG nº 34, de 18 de febreiro de 2009

Prazo de presentación de solicitudes: 18 de marzo.

A contía destinada a estás subvencións é de 350.000 euros, dos cales 150.000 euros corresponden ao exercicio 2009 e 200.000 euros ao 2010. O prazo de xustificación de cada anualidade finalizará o 31 e outubro de cada ano.

Existen dúas modalidades de axudas:
A. Desenvolvemento de contidos interactivos: a contía máxima é de 15.000 euros, que non poderá superar o 50% dos custes.
B. Produción de contidos interactivos: o importe máximo é de 90.000 euros e non poderá superar o 40% dos custes.

Pódese descargar aquí o PDF da convocatoria publicada no DOG
Prazo: 17/02/2009 - 15/10/2009

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais