AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais: resolución 2009

OBRA GAÑADORA: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo

O xurado decidiu conceder, por maioría, este premio á obra titulada Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo, polo seu ritmo e polo emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente, así como por formular unha reescritura e reinterpretación de Macbeth, creando expectativas no lector/espectador ao ofrecer unha nova luz en relación aos personaxes.

O argumento xira arredor de Fleance, fillo de Banquo, o compañeiro de armas de Macbeth e a quen este mandara asasinar, que chegou a rei de Escocia con astucia. Agora, vello e moribundo, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, con quen revive o reinado sanguento destes.

MANUEL LOURENZO
Manuel Lourenzo é un dos grandes nomes da escena galega, contribuíndo a conformar un teatro galego maduro e independente a través das súas múltiples facetas profesionais: autor, director, actor, tradutor, teórico, conferenciante, fundador de varias compañías, editor de coleccións literarias e profesor.

Nado en Ferreira do Valadouro en 1943, con vintedous anos creou xunto a Francisco Pillado o Grupo de Teatro O Facho, co que dá os seus primeiros pasos o teatro independente galego. Sucesivamente fundaría outros grupos e compañías: Teatro Circo (1967), Escola Dramática Galega (1978), Compañía Luís Seoane (1980), Elsinor Teatro (1990) e Compañía Casahamlet, que rexenta na actualidade.

Ademais de varios traballos para a radio, a televisión e o cinema, coordinou xunto con Francisco Pillado varias publicacións, como os Cadernos da Escola Dramática Galega, o Caderno do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Castrodouro-Teatro, Elsinor-Teatro e, na actualidade, a Revista Casahamlet. Ambos son tamén autores de varios estudos sobre a historia da dramaturxia galega, como O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1981) e Dicionário do teatro galego (1987).

Lourenzo é autor de máis de cincuenta obras dramáticas, entre as que se atopan Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, As criadas, Defensa de Helena, Electra, Últimas faíscas de setembro, Veladas indecentes e Insomnes. Nos últimos anos publicou os tomos de teatro Nocturnos, Camiñar polo arame cunha lata de cervexa e O Glaciar/El Glaciar (2005); Contos troianos, A noite dos cadaleitos e Eclipses (2006); Belicosario e Eléctricas (2007), e As horas baixas (2008). Ademais, verqueu ao galego pezas dos clásicos gregos e de autores como Goethe, Büchner, Fassbinder, Yourcernar e Heiner Müller e levou a escena a dramaturgos como Sófocles, Eurípides, Puschkin, Chekov, Strindberg, Brecht e Genet, e a autores galegos como Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Euloxio R. Ruibal, Xesús Pisón, etc.

Entre os seus últimos traballos como director destacan os espectáculos Contos troianos (2007), O arame (2008) e Nocturno Poe (2009). Ademais, e como dramaturgo residente do Centro Dramático Galego, Lourenzo asinou As dunas, espectáculo que a compañía pública levou a escena este ano baixo a dirección de Quico Cadaval.

O seu labor como escritor e director teatral foi recoñecido con máis dunha vintena de premios, entre os que se atopan o Premio Abrente, o Facho de Poesía, o Celso Emilio Ferreiro de Poesía, o premio do Festival Internacional de Teatro de Ribadavia ao mellor director, o Rafael Dieste en dúas ocasións, o Premio Nacional de Literatura Dramática, o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas e o Pedrón de Ouro.

Anteriores premios Álvaro Cunqueiro
2008 Teresa González Costa: Sempre quixen bailar un tango
2007 Roberto Salgueiro: Historia da chuvia que cae todos os días
2006 Manuel Guede: Ocaso Otero
2005 Rubén Ruibal: Limpeza de sangue
2004 Antón Lopo: Os homes só contan até tres
2003 Siro López: Hai que confiar na esperanza
2002 Roberto Salgueiro: Molière final
2001 Afonso Becerra de Becerreá: Agnus patris
2000 Roberto Salgueiro: Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado
1999 Deserto
1994 Raúl Dans: Lugar
1993 Manoel Riveiro: O prazo
1992 Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido: Copenhague
1991 Roberto Vidal Bolaño: Saxo tenor
1990 Agustín Magán: Os rebertes
1989 Euloxio R. Ruibal: Azos de esguello
1988 Roberto Salgueiro: O arce do xardín
Prazo: 19/10/2009 - 11/03/2010
Periodicidade: Anual
Dirixirse a: AGADIC
Rúa da Vesada s/n, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais