AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Programa de residencias artísticas 2014: convocatoria

20/05/2014 | O Centro Coreográfico Galego abre ata o 20 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para o seu Programa de Residencias Artísticas 2014, de acordo coa seguinte convocatoria:

1. CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS NO CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO
A presente convocatoria ten como obxecto facilitar, por parte do Centro Coreográfico Galego, espazos aos creadores, profesionais especificamente destinados á produción de danza.

Coa finalidade de apoiar a artistas e/ou colectivos artísticos (nacionais e internacionais) que desexen levar a cabo un proxecto de investigación, creación, experimentación e produción artística que deberá desenvolverse e presentarse nos espazos do Centro Coreográfico Galego.

O programa pretende ofrecer aos artistas os recursos do Centro para desenvolver o proceso artístico provocando o intercambio entre artistas, diferentes experiencias e disciplinas artísticas.

2. DIRIXIDO A:
Poderán presentarse ao programa as persoas físicas maiores de 18 anos ou xurídicas, do ámbito da creación artística con independencia da súa nacionalidade.

Os solicitantes que se presenten como persoas físicas deberán ter unha formación ou traxectoria relacionada coas artes escénicas. No caso de persoas xurídicas, o seu obxecto social debe ter relación coa creación contemporánea no campo das disciplinas artísticas.

3. PRAZO DE EXECUCIÓN:
Os proxectos deberán iniciarse no ano 2014 e finalizarse antes do 31 de decembro de 2014.

4. CRITERIOS DE VALORACIÓN:
- O carácter innovador do proxecto e a súa achega ao desenvolvemento do centro; a capacidade de achegamento e sensibilización dos cidadáns mediante estratexias de creación e participación do público.

- A traxectoria da persoa solicitante e a calidade das actividades desenvolvidas, así como a capacidade de creación de públicos.

- A calidade, coherencia do proxecto, viabilidade segundo o calendario de execución e o equipo humano (no caso de proxectos escénicos as propostas deberán ser de nova produción).

- A súa adecuación aos ámbitos de interese e obxectivos da institución.

- A capacidade do proxecto en incidir na creación de redes de colaboración interdisciplinaria.

5. OBXECTIVOS:
1. Prover os artistas do espazo, asistencia e infraestrutura necesarios para realizar a súa proposta de traballo: produción dun proxecto artístico.

2. Promover o intercambio de novas ideas.

3. Posibilidade de integrar os proxectos seleccionados no programa do Centro.

6. O APOIO MATERIALIZARASE EN:
- O Centro Coreográfico Galego cederá un espazo ou taller de creación segundo un calendario pactado entre ambas as dúas partes.

- Seguimento no desenvolvemento do seu proxecto, tanto a nivel artístico como sobre cuestións de produción e distribución. Este acompañamento pactarase en función das características do proxecto. Establecerase mediante un convenio o calendario de residencia, as condicións, o acompañamento, o apoio e o espazo do que se beneficiará a persoa seleccionada.

- Presentación e/ou exhibición do proxecto no Centro Coreográfico Galego. Nas datas acordadas co centro logo de acordo entre as partes, en función do calendario de execución marcado no proxecto.

7. OS ARTISTAS E/OU COLECTIVOS SELECCIONADOS NESTA CONVOCATORIA COMPROMÉTENSE A:
1. Aceptar a resolución da comisión de valoración. Para iso, deberán comunicar por escrito a aceptación. De non ser así, entenderase que se renuncia, podendo concederse o espazo ao suplente que figure en primeiro lugar, e así sucesivamente.

2. Cumprir as normas xerais e particulares, de acordo con horarios, calendario, e as instrucións do Centro Coreográfico Galego, ademais de manter un comportamento cívico na convivencia nos espazos cedidos.

3. Desenvolver o seu traballo no prazo e condicións previstas na convocatoria. No caso contrario, a autorización de uso dos espazos poderá ser revogada.

4. Utilizar o espazo dos talleres exclusivamente para dar cumprimento aos fins do proxecto seleccionado.

5. En ningún caso o taller poderá ter outro uso que o de espazo destinado á produción artística; non estando autorizado o seu uso como almacén, depósito, vivenda, espazo de exposición, centro de reunión etc.

6. Respectar as instalacións, tanto da aula de traballo concedida como dos espazos comúns.

7. Se fose necesario por parte do artista beneficiario pintar, perforar ou realizar calquera outra modificación do espazo durante o seu uso, é necesario solicitar o permiso específico para tal fin, asumindo este a súa recuperación posterior. Será obrigatorio e responsabilidade do artista deixar o espazo limpo e recollido, facerse cargo do lixo xerado, non deixar mobiliario persoal nin restos materiais ou outros obxectos. No caso contrario valorarase economicamente a deterioración do espazo. Requirirase a contía correspondente.

8. Colaborar co Centro para a realización de actividades específicas organizadas co obxectivo de fomentar a convivencia.

9. Presentación e/ou exposición da obra creada na data previamente acordada entre ambas as dúas partes.

8. XUNTO CO FORMULARIO DE SOLICITUDE (ANEXO I) DEBERÁ PRESENTARSE:
- Fotocopia do DNI da/s persoa/s física/s ou do representante legal da persoa xurídica, pasaporte, ou calquera outro documento que acredite a identidade do solicitante. No caso de persoas xurídicas deberá acompañarse a fotocopia da escritura de constitución, ou no seu caso estatutos da Entidade, e código de identificación fiscal.

- Memoria completa do proxecto ou actividade, especificando o seu obxectivo, plan de actuación, fases de desenvolvemento, metodoloxía, liñas de investigación, xustificación persoal da conveniencia ou interese en levalo a cabo e prazo de realización da actividade.

- Currículo vitae con indicación de estudos realizados, actividades profesionais, premios, bolsas etc., no caso de persoas físicas. No caso de colectivos, especificarase o currículo de cada un dos membros, así como as actividades realizadas conxuntamente pola agrupación.

-Documentación gráfica ou en soporte dixital: Fotografías de obra ou actividade recente. Nos casos en que sexa necesario achegarase a documentación en soporte dixital, os arquivos deberán estar en formato jpg, pdf, doc, mp3 e o soporte deberá ser DVD co autor/a e denominación do proxecto escritos sobre este. Achegarase unha copia de cada CD.

9. LUGAR DE PRESENTACIÓN E PRAZO:
As solicitudes poden presentarse vía correo electrónico, a través do e-mail actividades.ccg@xunta.es, ou por correo postal ao enderezo Centro Coreográfico Galego, Avenida de Glasgow s/n, 15008 A Coruña.

O prazo de presentación é DUN MES contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria na web da Agadic (www.agadic.info) e do Centro Coreográfico Galego (www.centrocoreografico.org). Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Máis información:
Centro Coreográfico Galego
Avenida de Glasgow s/n
15008 A Coruña
actividades.ccg@xunta.es
Tel: 981 134 946
www.centrocoreografico.org

-Convocatoria en pdf
-Anexo I. Modelo de solicitude (pdf)
-Anexo I. Modelo de solicitude (doc)
Prazo: 20/05/2014 - 20/06/2014

< Volver

Outras convocatorias


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais