AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Axudas da AGADIC ao sector audiovisual: convocatorias 2010

A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo públicas as seguintes convocatorias de axudas ao sector audiovisual:

-SUBVENCIÓNS PARA PRODUCIÓNS OU COPRODUCIÓNS AUDIOVISUAIS EN LINGUA GALEGA CON DECIDIDO CONTIDO ARTÍSTICO E CULTURAL: DOG nº 86, de 7 de maio de 2010 e DOG nº 100, de 28 de maio de 2010 (corrección de erros: só para a versión galega)

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 7 de xuño.

A contía total destinada a estás subvencións é de 4.980.000 euros, dos cales 1.400.000 euros corresponden á anualidade de 2010, 1.400.000 euros á de 2011, 1.380.000 á de 2012 e 800.000 á de 2013.

O prazo de xustificación para as subvencións de carácter anual rematará o 31 de outubro de 2010 e para as subvencións de carácter plurianual rematarán nas seguintes datas: 31 de outubro de 2010 (anualidade de 2010), 31 de outubro de 2011 (anualidade de 2011), 31 de outubro de 2012 (anualidade de 2012) e 31 de outubro de 2013 (anualidade de 2013).

Modalidades:
1. Longametraxes: producións cinematográfica de duración superior a 60 minutos, segundo as seguintes modalidades:
-Modalidade A: longametraxes cinematográficas (animación, ficción ou documental) cunha clara singularidade narrativa e decidido propósito cultural e artístico. Axuda de ata o 40% do importe subvencionable, cun máximo de 350.000 euros. Esta porcentaxe será do 45% no caso de longametraxes rodadas en versión orixinal en galego.
-Modalidade B: opera prima (longametraxes de ficción guionizadas e dirixidas por galegos ou residentes en Galicia, que sexan opera prima ou segunda longametraxe e cun custo de realización inferior a 1.500.000 euros en relación ao custo total da película).
-Modalidade C: películas para TV (longametraxes de ficción deseñadas e realizadas para seren difundidas nunha emisora de TV e cunha duración de entre 75 e 90 minutos. No caso de películas de animación para TV, a duración mínima será de 60 minutos. Series de animación e mini-series: 2×90').

2. Longametraxes documentais: producións audiovisuais de máis de 50 minutos de duración, que aborden calquera aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a recreación ficcional, segundo as seguintes modalidades:
-Modalidade A: documentais de creación (documentais onde se manifesta creativamente unha mirada sobre a realidade).
-Modalidade B: documentais de difusión cultural (sobre temas vencellados en xeral coa cultura galega, a memoria histórica e o patrimonio histórico ou etnográfico de Galicia).

Investimentos subvencionables: A subvención pode acadar as seguintes porcentaxes segundo a tipoloxía e modalidade dos proxectos:
1. Proxectos de longametraxes:
-Modalidade A. Longametraxe cinematográfica: ata o 40% do importe subvencionable, cun máximo de 350.000 euros. Esta porcentaxe será do 45% no caso de longametraxes rodadas en versión orixinal en galego.
No caso de proxectos de animación, o importe pode acadar os 430.000 euros.
-Modalidade B. Ópera prima ou segunda longametraxe: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 275.000 euros.
-Modalidade C) Películas para TV ata o 40% do importe subvencionable, cun máximo de 150.000 euros.
Miniseries: ata o 35% do importe subvencionable, cun máximo de 250.000 euros. Esta porcentaxe será do 40% no caso de miniseries en V.O. en galego.
Series de animación: o 35% do importe subvencionable, cun máximo de 300.000 euros. Esta porcentaxe será do 40% no caso de series de animación en V.O. en galego.

2. Longametraxes documentais:
-Modalidade A. Documentais de creación: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 60.000 euros.
-Modalidade B. Documentais de difusión cultural: ata o 50% do importe subvencionable, cun máximo de 50.000 euros.

Beneficiarios: Todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, domiciliadas polo menos durante un ano, logo desta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CD 207A)

-SUBVENCIÓNS DE CREACIÓN AUDIOVISUAL PARA O DESENVOLVEMENTO E PROMOCIÓN DO TALENTO AUDIOVISUAL GALEGO: DOG nº 76, de 23 de abril de 2010

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 24 de maio.

A contía total destinada a estás subvencións é de 300.000 euros. O prazo de xustificación das subvencións remata o 31 de outubro de 2010.

Modalidades:
A. Escrita individual de guión: Proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes de ficción, documentais ou películas para TV. A contía máxima por proxecto será de 12.000 euros.

B. Curtametraxes en soporte dixital: Produción de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega -ficción, animación ou documental- cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía máxima de 6.000 euros.

C. Curtametraxes experimentais: Produción de curtametraxes innovadoras ou experimentais. Serán obxecto desta modalidade aqueles proxectos e obras experimentais de decidido contido artístico e cultural. A axuda máxima por proxecto ascende a 10.000 euros, á cal serán de aplicación as retencións impositivas legalmente previstas.

Os proxectos conterán as seguintes características:
-Que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, é dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso do son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linealidade narrativa.
-Que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio comunicable.
-Que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran a miúdo as obras audiovisuais.

D. Longametraxes en soporte dixital: Producións audiovisuais gravadas en soporte dixital de duración superior a 60 minutos, de baixo orzamento, que polas súas especiais características creativas se consideren de difícil financiamento. A axuda máxima por proxecto será de 30.000 euros.

Cada proxecto deberá estar inscrito nun só tipo ou modalidade e estas non poderán ser acumulables. O importe máximo da subvención non poderá superar o cincuenta por cento do investimento subvencionable e, en todo caso, a cantidade de 30.000 euros.

Beneficiarios: Todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CT 207E)

-SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS EN LINGUA GALEGA: DOG nº 73, de 20 de abril de 2010 e DOG nº 81, de 30 de abril de 2010 (corrección de erros).

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 20 de maio.

A contía total destinada a estás subvencións é de 450.000 euros, dos cales 200.000 euros corresponden á anualidade de 2010 e outros 250.000 euros á de 2011. O prazo de xustificación para as subvencións de carácter anual remata o 31 de outubro de 2010 e para as de carácter plurianual, o 31 de outubro de 2010 (anualidade 2010) e o 31 de outubro de 2011 (anualidade 2011).

Obxectivo: Fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como a selección da historia e posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios de calquera proxecto audiovisual. Así, enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións previas á preprodución dunha obra audiovisual: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo técnico-artístico, preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores no contorno da industria audiovisual, a planificación da produción, o plano inicial de márketing e explotación da obra, etc.

Para certos tipos de produción, considéranse ademais como parte integrante do desenvolvemento a investigación gráfica e a realización dun teaser ou piloto (para as películas e series de animación) ou a investigación en arquivos (para as producións que poñan en valor o patrimonio audiovisual europeo).

Modalidades:
A. Longametraxes de ficción: proxectos de longametraxes de imaxe real ou de animación cunha duración superior aos 60 minutos.
B. Longametraxes documentais: proxectos de longametraxes documentais cunha duración superior aos 50 minutos.
C. Películas para televisión: telefilmes para TV cunha duración entre 75 e 90 minutos. No caso de películas de animación para TV, a duración mínima será de 60 minutos.
D. Formatos innovadores para televisión: Combinación única de elementos para crear un programa de televisión orixinal. Comprende o contido do programa ou serie de programas, ademais das indicacións técnicas para producilo, os elementos artísticos, avances orzamentarios (orzamento base) e know-how dos produtores.
E. Pilotos de series de animación para TV.

O importe máximo da subvención non poderá superar o cincuenta por cento do investimento subvencionable e, en todo caso, a cantidade de 30.000 euros.

Beneficiarios: Persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente polo menos dous anos, previo a esta convocatoria, en Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CT 207B)

-SUBVENCIÓNS PARA A AMORTIZACIÓN DOS CUSTOS DE PRODUCIÓN DE LONGAMETRAXES CINEMATOGRÁFICAS, TELEFILMES E DOCUMENTAIS DE INTERESE CULTURAL GALEGO: DOG nº 66, de 9 de abril de 2010

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 15 de setembro.

A contía total destinada a estás subvencións é de 800.000 euros (unha vez esgotado o crédito orzamentario non se admitirán posteriores solicitudes). O prazo de xustificación será dun mes desde a notificación da subvención concedida e, en todo caso, rematará o 15 de novembro de 2010, naqueles aspectos subvencionables que non queden debidamente acreditados coa documentación presentada coa solicitude.

Modalidades:
1. Longametraxes cinematográficas (producións cinematográficas de duración superior a sesenta minutos):
-Longametraxes de animación: máximo do 25% da participación do produtor solicitante, que será do 35% se a versión orixinal é en lingua galega, cun límite de 300.000 euros. Este límite será de 400.000 euros cando o orzamento da produción supere os 3.600.000 euros.

-Longametraxes cinematográficas: máximo do 25% da participación do produtor solicitante, que será do 35% se a versión orixinal é en lingua galega, cun límite de 300.000 euros. Este límite será de 400.000 euros cando o orzamento da produción supere os 3.600.000 euros.

-Longametraxes documentais (con explotación comercial): máximo do 40% da participación do produtor solicitante, cun límite de 150.000 euros.

2. Telefilmes (longametraxes para tv cunha duración superior aos 80 minutos): axuda máxima de 150.000 euros.

Beneficiarios: persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independientes con sede, sucursal ou oficina permanente en Galicia que, axustándose ás modalidades e requirimentos especificados nas bases, presenten proxectos audiovisuais realizados que fosen obxecto de estrea comercial ou venda en televisións en aberto, ou pechado de ámbito igual ou superior ao autonómico, por un importe non inferior a 80.000 euros, desde o 1 de xaneiro de 2009 ata o 31 de outubro de 2010 e que non recibisien axudas anticipadas da Consellería de Cultura e Turismo ou da AGADIC polo mesmo concepto.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CT 209A)

-SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO E PRODUCIÓN DE CONTIDOS INTERACTIVOS EN LINGUA GALEGA: DOG nº 65, de 8 de abril de 2010 e e DOG nº 81, de 30 de abril de 2010 (corrección de erros).

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 8 de maio.

A contía total destinada a estás subvencións é de 350.000 euros, dos cales 125.000 euros corresponden á anualidade de 2010 e 225.000 euros á de 2011. O prazo de xustificación para as subvencións de carácter anual remata o 31 de outubro de 2010 e para as bianuais, o 31 de outubro de 2010 (anualidade 2010) e o 31 de outubro de 2011 (anualidade 2011).

Modalidades:
1. Proxectos de desenvolvemento de contidos interactivos: axuda máxima por proxecto de 15.000 euros (en todo caso, non poderá superar o 50% dos custos do proxecto)
2. Proxectos de produción de contidos interactivos: axuda máxima por proxecto de 90.000 euros (en todo caso, non poderá superar o 40% dos custos do proxecto)

Beneficiarios: persoas físicas ou xurídicas constituídas legalmente como empresas, con sucursal ou oficina permanente en Galicia.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CT 208A)

-SUBVENCIÓNS PARA A PRODUCIÓN DE CURTAMETRAXES EN VERSIÓN ORIXINAL EN LINGUA GALEGA, ASÍ COMO DE VIDEOCLIPS: DOG nº 61, de 31 de marzo de 2010 e DOG nº 81, de 30 de abril de 2010 (corrección de erros).

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 30 de abril.

A contía total destinada a estás subvencións é de 180.000 euros. O prazo de xustificación da realización da actividade subvencionada finalizará o 31 e outubro de 2010; e para a entrega das copias definitivas, o 30 de novembro.

Modalidades:
Serán obxecto de subvención os proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega -ficción ou documental- cunha duración inferior a 30 minutos, nas seguintes categorías:

A. Curtametraxes en soporte cinematográficol: axuda máxima por proxecto de 15.000 euros.
B. Curtametraxes de animación en soporte cinematográfico: axuda máxima por proxecto de 30.000 euros.
C. Curtametraxes en soporte dixital, innovadoras ou experimentais: axuda máxima por proxecto de 10.000 euros.
D. Videoclips: axuda máxima por proxecto de 6.000 euros.

Beneficiarios: produtoras audiovisuais independentes ou empresas discográficas legalmente constituídas como tales con sucursal ou oficina permanente en Galicia.

Pódense descargar aquí os anexos editables dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CT 207F)
Prazo: 01/04/2010 - 15/09/2010
Documentos relacionados

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais