AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Centro Coreográfico Galego: Convocatoria para a contratación do/a director/a do CCG

Prazo: 18/06/2010 - 29/06/2010
Descrición: A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca un proceso de selección para a contratación, baixo a modalidade de alta dirección, dunha praza de director/a do Centro Coreográfico Galego, coa titulación académica de licenciado/a universitario/a ou equivalente.

Prazo de presentación de solicitudes: do 18 ao 29 de xuño de 2010.

Características da praza:

TAREFAS A DESEMPEÑAR
1. Exercer a dirección artística do Centro Coreográfico Galego.
2. Dirixir, coordinar e planificar a actividade das sedes ao seu cargo.
3. Decidir o plan de programación anual do Centro Coreográfico Galego.
4. Seleccionar e propoñer as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de producir cada espectáculo programado. Facer a selección e proposta dos artistas que sexa necesario contratar para aqueles espectáculos que o requiran. En xeral, xestionar o programa de actividades culturais do Centro Coreográfico Galego.
5. Impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e, en xeral, con cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar á consecución dos fins do Centro.
6. Exercer a representación ordinaria do Centro.
7. Desenvolver cantas outras funcións lle sexan expresamente encomendadas pola Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais.

RETRIBUCIÓN
A praza, está dotada cunha retribución bruta de 39.432,89 euros, e a contratación farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.A1.432B.130 e 11.A1.432B.160 da AGADIC.

SITUACIÓN
O posto de traballo está situado na Coruña.

Procedemento de selección:
Libre designación polo Consello de Dirección, a proposta do director da Agadic, atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia entre persoas con titulación superior.

Requisitos dos aspirantes:

1. Nacionalidade: ser español ou nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea,ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores. E resto dos supostos especificados nas bases.

2. Idade: ter cumpridos os dezaseis anos e non ter acadado a idade de xubilación.

3. Titulación: Posuír e acreditar a titulación académica esixida na base 1.1 (licenciatura universitaria ou equivalente).

4. Capacidade: Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

5. Habilitación: Non estar separado do servizo de ningunha Administración Pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

Todos os requisitos enumerados nas anteriores bases deberán posuírse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

Solicitudes:

FORMA
Quen desexe tomar parte na convocatoria, deberá formular a súa solicitude no modelo de instancia que figura como anexo I das bases, xunto coa seguinte documentación:

a. Fotocopia compulsada do D.N.I., N.I.E ou pasaporte (sempre e cando o solicitante opte por non autorizar á Agadic ao acceso aos seus datos persoais). No caso dos aspirantes estranxeiros, a documentación que se especifica nas bases.

b. Fotocopia compulsada ou cotexada da titulación académica esixida na base 1.1

c. Currículo no que consten os méritos e circunstancias con relevancia para o posto de traballo convocado que o solicitante considere oportuno por de manifesto, referidos á data de finalización de presentación de solicitudes.

DESTINATARIO, LUGAR DE PRESENTACIÓN E PRAZO
As solicitudes irán dirixidas ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais e presentadas no Rexistro Xeral do AGADIC situado na Rúa Vesada, San Lázaro, s/n, 15703 en Santiago de Compostela, (tfno: 981.57.71.26), e entregaranse ben persoalmente ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

O prazo de presentación será de DEZ DÍAS HÁBILES contados a partires do día seguinte á publicación conxunta da presente convocatoria no taboleiro de anuncios e na páxina web da Agadic (do 18 ao 29 de xuño)

Lugar de publicación:

A presente resolución publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.info), así como no taboleiro de anuncios da Axencia.

Todas as listaxes que xere esta selección serán publicadas no taboleiro de anuncios da sede da Agadic (Rúa Vesada, San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela) e na páxina web da Axencia. Teléfono de información: 981.57.71.26 (extensión 111- Rexistro Xeral da AGADIC)

Nomeamento:

Unha vez nomeado/a polo Consello de Dirección, o candidato/a seleccionado/a, disporá de 5 días naturais para presentar na Agadic a seguinte documentación:

-Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas, así como de non exercer actividade pública ou privada incompatible co posto de traballo no momento da toma de posesión do posto.

-Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base 2.1.4.

-Copia da tarxeta sanitaria.

-Certificado de conta bancaria.

Unha vez presentada dita documentación, o aspirante seleccionado tomará posesión do seu posto na data que indique a Dirección da Agadic.
Documentos relacionados

< Volver

Outras convocatorias


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais