AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Convocatorias



Tour de Europa de Coreógrafos: selección de artistas para participar no programa formativo

O Centro Coreográfico Galego participa como socio no proxecto europeo "Tour de Europa de coreógrafos", dentro do programa de aprendizaxe permanente Leonardo da Vinci (OAPEE-Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos) e que conta así mesmo co apoio do programa de formación continuada da Comisión Europea.

O "Tour de Europa de coreógrafos" é un proxecto de cooperación entre cinco estruturas comprometidas co desenvolvemento da danza contemporánea que ten como finalidade a creación e desenvolvemento dun plan innovador de formación que responda ás necesidades dos novos coreógrafos. Son socios do CCG neste proceso CDC Le Pacifique de Grenoble (Francia), Lubelski Teatr Tanca de Lublin (Polonia), Dance Ireland de Dublin (Irlanda) e Kampnagel Tanzplan de Hamburgo (Alemaña).

O proxecto permite a un grupo de dez artistas -dous por cada país- e, de xeito subsidiario, ao persoal das estruturas asociadas, encargado de organizar a formación, beneficiarse dun sistema pedagóxico baseado nos valores dos "compañeiros do Tour de Francia". A metodoloxía dá unha grande importancia aos factores de apertura e adaptación, facilitando os intercambios, a mobilidade e a confrontación do grupo, e a aprendizaxe baséase tanto nos aspectos artísticos da profesión de coreógrafo coma nos técnicos e administrativos.

Os creadores residen nas cinco cidades da asociación (Grenoble en Francia, A Coruña en España, Lublin en Polonia, Dublín en Irlanda e Hamburgo en Alemaña), onde participan en diferentes talleres, seminarios, visitas e encontros. Como complemento, os coreógrafos terán o acompañamento, a xeito individual, dun mentor, que será o seu titor persoal durante o proceso de aprendizaxe.

Calendario estimado:
-Grenoble, do 12 ao 19 de setembro de 2010 en Grenoble
-Lublin, do 4 ao 12 de novembro de 2010
-Hamburgo, do 23 ao 30 de xaneiro de 2011
-Dublín, do 8 ao 15 de maio
-A Coruña, do 27 de xuño ao 2 de xullo de 2011.

Requirimentos dos participantes:
-Ser menor de 35 anos
-Inglés falado e escrito
-Dispoñibilidade nas datas indicadas para as actividades en cada país.

Envío de solicitudes:
Os artistas intersados en participar neste programa formativo deben enviar o seu currículo, indicando os estudos realizados, actividades profesionais desempeñadas e, en xeral, canta documentación considere representativa da súa formación, ata o venres 2 de xullo de 2010 (inclusive) ao enderezo de correo electrónico documentacion.ccg@xunta.es
Prazo: 28/06/2010 - 02/07/2010

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais