Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O XURADO SALIENTOU O ALTO NIVEL DOS TEXTOS PRESENTADOS AOS TRES GALARDÓNS DE LITERATURA DRAMÁTICA CONVOCADOS POLA AGADIC

Teresa González Costa gaña os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María, e Xosé A. Neira Cruz o Barriga Verde

[13/10/2008] Teresa González Costa é a gañadora da edición 2008 dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, respectivamente, mentres que Xosé A. Neira Cruz alzouse co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces con O punto da escarola. O nome dos autores recoñecidos este ano cos galardóns de literatura dramática que convoca a AGADIC foi desvelado hoxe pola presidenta do seu xurado, Laura Tato Fontaíña, no acto de inauguración da Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra até o vindeiro venres en diferentes escenarios de Santiago de Compostela.

Laura Tato informou, así mesmo, de que o Barriga Verde quedou deserto na categoría de teatro para adultos. Porén, o xurado quixo deixar constancia no seu ditame da "calidade e o bo nivel" dos textos presentados aos outros tres galardóns, de xeito que foron necesarias "longas deliberacións" para decidir os textos gañadores de entre o total de 54 orixinais candidatos: 28 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María, e 16 ao Barriga Verde (13 textos para rapaces e 3 para adultos).

Ambos os gañadores recibirán unha dotación económica de 6.000 € por cada un dos premios. Ademais, segundo establecen as bases, os tres textos poderán ser publicados pola AGADIC nalgunha das coleccións dramáticas que mantén abertas en colaboración con diferentes editoriais galegas.

O poder dos soños

Con Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, Teresa González Costa convértese na primeira autora que ten no seu haber dous dos premios convocados pola AGADIC (anteriormente polo IGAEM): o Cunqueiro e o Manuel María. O primeiro dos textos, distinguido co XVII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, debuxa un escenario de desencontros entre os personaxes que o habitan: Manuel, que se enfronta con serenidade ao final da súa vida; a súa filla mailo seu xenro, aos que a excitación polos plans de futuro os mantén alleos ao drama; e María, a moza encargada da limpeza, que a pesar do seu desencanto coa vida, é a única sensible ao que sucede ao seu carón.

O xurado destacou de Sempre quixen bailar un tango a solidez da súa estrutura dramática, cualificándoa como unha obra "moi coidada" e "moi ben construída", así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co "poder salvador dos soños".

Pola súa banda, o texto gañador do III Manuel María de Literatura Dramática Infantil, Pingueiras e tarteiras, é definido no ditame como unha apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos. Trátase dunha obra moi lúdica, que recorre a múltiples xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida cor gris nun castelo no que sempre chove.

Homenaxe á profesión de titiriteiro

En O punto da escarola, recoñecida co VI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Neira Cruz artella un divertimento teatral que fai unha homenaxe implícita á profesión de titiriteiro, ao tempo que bota man de personaxes e situacións conectados co imaxinario infantil. Neste caso, o xurado valorou a plasticidade da obra e o enxeño dos seus diálogos, ademais de subliñar o seu "gran sentido do humor e unha utilización moi intelixente da música".

Ademais de por Laura Tato Fontaíña, como presidenta, o xurado da edición 2008 dos tres premios literarios da AGADIC estivo integrado por Emilio Xosé Insua López, Roberto Salgueiro González, Marica Campos, Carlos Ignacio Labraña Barrero e Andrea Bayer Lloves como vogais. As súas decisións respecto de todos os galardóns outorgados foron tomadas por maioría dos seus membros.

Traxectoria dos galardoados

Teresa González Costa (O Grove, 1975) licenciouse en Filoloxía Inglesa e Italiana pola Universidade de Santiago de Compostela, á vez que desenvolvía a súa actividade teatral con estadías longas en Italia e Francia, así como en Xenebra. Na cidade suíza realiza as súas últimas actividades teatrais até o momento: cursos de dramaturxia focalizados na obra de Jean-Luc Lagarce e reportaxes sobre eventos teatrais para a radio. Tamén participa como actriz nunha produción da Comédie de Genève, froito dun taller anual realizado por ese teatro.

Actriz, contacontos, ademais de docente, é autora de varias pezas de teatro, tanto para adultos como para rapaces, editadas por Edicións Fervenza e Edicións Laiovento. Foi finalista do Premio de Teatro Rafael Dieste en 2005 con Alén das brumas, e en 2004 recibiu unha mención especial do xurado do Premio Barriga Verde por Canun digas Narice.

Xosé A. Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Deuse a coñecer como narrador en 1988, cando foi recoñecido co Premio Merlín por Ó outro lado do sumidoiro. Dende entón, ten acadado numerosos galardóns como o Barco de Vapor en 1997 con Valdemuller e en 1999 con Os ollos do tangaleirón; o Merlín, que volveu gañar en 2000 por As cousas claras; o Premio Raíña Lupa en 2002 por O armiño dorme; e o Premio Lazarillo en 2004 polo texto de teatro infantil A noite da raíña Berenguela. A súa obra tamén foi destacada con dous Premios Lecturas (concedidos polos lectores das bibliotecas galegas), e foi seleccionada pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic para a Lista de White Ravens e polo Banco del Libro de Venezuela, que considerou en 2006 que a súa novela O armiño dorme era unha das dez mellores obras xuvenís do mundo publicadas nese ano.

Se ben a meirande parte da súa produción literaria está inscrita na narrativa, tamén frecuentou o xénero teatral e dúas das súas pezas foron levadas a escena recentemente: Cando a noite cae, representada pola compañía Teatro da Falúa en 2007 e galardoada co 2º Premio GZCrea de teatro afeccionado convocado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e Valdemuller, adaptada polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Vergne. No eido da poesía, foi galardoado en 2007 co Premio Fiz Vergara Vilariño pola obra De esparto e seda (Espiral Maior, 2008).

Á parte da súa faceta de creador, dedícase á investigación no ámbito do xornalismo e da literatura infantil, e fundou a revista Fadamorgana de literatura infantil e xuvenil, da que é director.

Documentación