AGADIC

Centro Coreográfico Galego

Castelán | Inglés

Contacto | Mapa web | Subscrición



Noticias



DAVID LOIRA, HERVÉ ILARI, PAULA DE CASTRO, MERCEDES SUÁREZ E AMAURY LEBRUN EXERCERÁN COMO MESTRES

Un total de 25 alumnos participará nos obradoiros de danza de verán que ofrece o Centro Coreográfico Galego

[13/07/2012] Un total de 25 alumnos e alumnas, na súa meirande parte estudantes galegos do grao profesional, participará ao longo das vindeiras 2 semanas nos obradoiros de danza clásica e contemporánea que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza na Coruña a través do Centro Coreográfico Galego.

A sede da compañía pública no Complexo Deportivo de Elviña acollerá estas clases entre os días 16 e 27 de xullo, período durante o que exercerán como mestres convidados coreógrafos e intérpretes galegos e internacionais. Así, David Loira, Hervé Ilari, Paula de Castro, Mercedes Suárez e Amaury Lebrun impartirán os seus respectivos obradoiros de técnica clásica, puntas, pas de deux e danza contemporánea.

As sesións darán comezo o luns 16 coas clases de danza contemporánea do coreógrafo e bailarín David Loira. A continuación, o francés Hervé Ilari, bailarín do Ballet de l'Opéra de Nice, impartirá un taller de danza clásica (de 12.00 a 13.30 h) e outro de pas de deux (de 13.30 a 15.00 h), neste último caso xunto á bailarina ferrolá Paula de Castro, compañeira de Ilari na formación francesa.

A directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, pechará este programa de verán cunha última semana de clases dedicada á danza clásica e ao traballo de puntas que terá lugar do 23 ao 27 de xullo (agás o día 25) en horario de mañá. Tamén participará como mestre esa semana o coreógrafo francés Amaury Lebrun, colaborados habitual xa da compañía pública galega.

Mestres convidados
David Loira é Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de A Coruña, en 2003 recibe una bolsa para realizar o "One year certificate of higher education in contemporary dance" na London Contemporary Dance School.Dende entón, ten creando pezas e representándoas como intérprete en festivais e programacións nacionais e internacionais, colaborando con diferentes compañías.
En 2007 recibe o Primeiro Premio do Certame Coreográfico de Madrid coa obra "No intre 1800". No verán dese mesmo ano crea a súa propia compañía, DLoira, coa que estrea unha primeira montaxe en solitario, "Over the rainbow", da que en decembro de 2008 representa un fragmento no Certame Coreográfico de Madrid. No ano 2010 crea a súa segunda peza, "Macho", apoiada polo Centro Coreográfico Galego a través dunha residencia artística e enmarcada dentro das pasantías organizadas por Malqueridas, plataforma de investigación e desenvolvemento (I+D) de novos formatos artísticos arredor da linguaxe do corpo e do movemento, na sala La Caldera de Barcelona. Como docente ten impartido seminarios e cursos de movemento e danza nas universidades de Pontevedra e A Coruña, na universidade de Legon (Ghana - África), na escola de circo Circonove e, na actualidade, na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto de Santiago de Compostela.

Nado en Cannes (Francia), Hervé Ilari comeza os seus estudos de ballet aos sete anos en varios conservatorios, onde aprende diferentes técnicas de danza (Bournonville, Vaganova, Cechetti, danza moderna, jazz, etc). Aos 16 anos obtén o seu primeiro contrato co Ballet du Capitôle de Toulouse e a partir de 1999 forma parte do Ballet da Ópera de Niza. Máis tarde foi contratado durante dúas tempadas por Germinal Casado en Karlsruhe (Alemaña). Aos 21 anos é nomeado bailarín solista e a continuación bailarín principal no Ballet do Teatro de Monchengladbach (Alemaña). Participou como bailarín convidado en numerosas galas en EE.UU., Italia, Hungría, Exipto, Francia, Portugal, Alemaña... Interpretou os papeis principais en ballets como "Romeo e Xulieta", "Coppélia", "O crebanoces", "O Corsario", "La fille mal gardée", "La Bayadère", "A bela durminte", "Giselle", etc. e en coreografías de George Balanchine, Germinal Casado, Heidrun Schwaarz, Nils Christe, Youri Vamos, Mauricio Wainrot, Marc Ribaud, Eleonora Gori e Patrice Bart, entre outros. En setembro de 2002 obtén o Diplôme d’Etat de Professeur de Danse do Ministerio de Cultura francés e, na actualidade, compaxina a súa actividade pedagóxica e artística cos estudos de osteopatía.

A ferrolá Paula de Castro é a primeira bailarina do Ballet de l’Opéra de Nice dende o ano 2004. Comezou os seus estudos de danza clásica na súa cidade natal, Ferrol, da man de Marigel Fernández e Celia López, continuándoos na escola Druída con Mercedes Suárez. Bolseira pola Xunta de Galicia, trasládase a Nova York para estudar na Martha Graham School e na Joffrey Ballet School, entre outras escolas. De volta en Europa, foi seleccionada para ingresar na escola Rudra-Béjart Laussanne. Bailou en Alemaña co Staatstheater Wiesbaden, interpretando entre outras coreografías "La silphide" ou "Les trois mousquetaires". Tamén formou parte do Ballet Nacional de Portugal, onde puxo en escena coreografías de Balanchine ou "A dama das camelias", creada para ela por M. Balkan. En 2007 recibe do Ministerio de Cultura francés a "Dispense du Diplôme dEtat de Proffesseur de Danse par Renommée Particuliére".

O francés Amaury Lebrun comezou a estudar ballet no Ballet du Nord. Posteriormente completou a súa formación na School of American Ballet, de Nova York, onde foi elixido por Jerome Robbins para unha creación. Ao longo da súa carreira, traballou en compañías de danza europeas como o Ballet du Rhin, o Deutsche Staatsoper de Berlín e o Ballet de l’Opéra de Nice en calidade de solista. Ao tempo, destaca como intérprete das obras de coreógrafos como Maurice Béjart, Georges Balanchine, Nils Christi, Carolyn Carlson, Roland Petit, Hans Van Manen, John Cranko, José Limón, Maryse Delente, Claude Brumachon, Myriam Naisy e Kurt Joos, entre outros. En 2000 ingresou como solista na Compañía Nacional de Danza, onde baila numerosos traballos do director Nacho Duato, así como doutros coreógrafos de renome internacional como Jiri Kylian, Ohad Naharin, Andersson Örjan, William Forsythe, Godani Jacopo, Mats Ek e Wim Vandekeybus. Durante a súa etapa no Ballet de l’Opéra de Nice, espertan as súas inquedanzas como coreógrafo. "Inspiratión", unha peza que aínda forma parte do repertorio desta compañía, foi o seu primeiro traballo. En 2002 gañou o primeiro premio do Concurso Internacional de Coreografía de Burgos coa peza "Kenmey". En 2004 crea La rosa de l’infante para o Purchase College de New York e Sen Título 1 para o Teatro Principal de Burgos. Para o Centro Coreográfico Galego, asinou a coreografía "Magnificat", estreada na Coruña en xullo de 2011 dentro do espectáculo 3DTres e parte da peza "Aínda", estreada polo CCG en maio de 2012.

< Volver


Accesibilidade | Aviso legal
Facebook

Marca gráfica da Xunta de GaliciaAGADIC. Instituto galego das artes escénicas e musicais