[12/04/2007] Vacuo, a peza inaugural do Centro Coreográfico Galego (CCG) creada e dirixida por Maruxa Salas, representarase dentro dos programas artísticos dos festivais Mov-s de Barcelona, onde se exhibirá mañá 13 de abril no Sant Andreu Teatre; e de Dansa València, que acollerá o espectáculo o luns día 30 na sala L’Altre Espai. A primeira coreografía da nova unidade de produción de danza da Consellaría de Cultura e Deporte amosarase deste xeito ante o público de dúas das citas máis importantes no ámbito da danza; e completa así o período de distribución que está a levar, cun grande éxito de público, por distintas localidades galegas.
A de 2007 é a primeria edición do Mov-s, un encontro organizado polo Mercat de les Flors que nace co obxectivo de relanzar a comunicación internacional da danza e das artes do movemento a través dun espazo de presentación de novos traballos de creación, de proxectos de artistas e de operadores culturais. A comisión de selección artística da organización deste evento, que se celebra do 12 ao 15 de abril, seleccionou a participación do CCG entre máis de 120 solicitudes de compañías de diversas procedencias.